A Federación Sindical Mundial e as organizacións de electricistas e petroleiros, e en xeral, da enerxía de: ARXENTINA, BRASIL, CHIPRE, COLOMBIA, ECUADOR, GALIZA, GUATEMALA, INDIA, PAÍS BASCO, PORTUGAL, PORTO RICO, URUGUAI, VENEZUELA, a Organización Internacional “Droit à l’Energie, o Foro Latinoamericano e Caribeño das e dos Traballadores da Enerxía, o Encontro Sindical Nossa América, e outros organismos internacionais do sector enerxético, asistentes á Conferencia Internacional de Solidariedade co Sindicato Mexicano de Electricistas, o Sindicato Mineiro Sección 65 de Cananea e Sindicato Único de Traballadores da Industria Nuclear, convocada pola Federación Sindical Mundial e realizada os sías 11 e 12 de marzo de 2010, na Cidade de México
Declaramos:
1.- Indignounos enormemente a severa agresión aos traballadores agrupados no Sindicato Mexicano de Electricistas, como consecuencia do asalto militar e policial ás instalacións da empresa eléctrica Luz y Fuerza del Centro, sobre a base dun decreto presidencial que dispón a extinción da mencionada empresa. Isto significou que 44.000 electricistas se atopen fóra dos seus centros de traballo. A agresión do goberno afecta tamén a 22.000 xubilados.
2.- Desde a data da ocupación, os traballadores ficaron sen perceber os seus salarios, impedindo que lle leven ás súas familias o sustento necesario, algo que atenta contra os dereitos humanos fundamentais.
3.- O goberno mexicano, teimudamente, sostén unha posición agresiva, negándose a unha solución satisfactoria que garanta o total respecto aos dereitos sociais, humanos e laborais adqueridos polos electricistas ao longo de 95 anos.
4.- En tanto que sindicalistas e dirixentes sindicais consideramos que a medida gobernamental é inconstitucional, equivalendo a sentenciar un inocente sen outorgarlle o dereito á defensa.
5.- En todo país onde existe estado de dereito, sabemos que, para reducir ou despedir traballadores, os responsábeis das empresas deben formular o caso perante as autoridades laborais correspondentes, seguindo o debido procedemento. En calquera caso, os sindicatos teñen dereito á replica e á argumentación na defensa dos seus intereses que, en xeral, dan incio por medio do diálogo entre as partes interesadas. Cando fracasan as negociacións ou o diálogo, procédese a outras instancias legais.
6.- O acontecido coa ocupación militar e policial das instalacións de Luz y Fuerza e o despedimento masivo dos traballadores foi típico nas amargas experiencias coas ditaduras latinoamericanas máis sanguinarias que non respectaron legalidade ningunha. Iso mesmo fixo o o goberno do señor Felipe Calderón. Por tanto, condeamos e rexeitamos a pretensión oficial de conculcar os dereitos humanos, laborais e sindicais dos electricistas do SME. As liquidacións que ofreceu e ofrece o goberno mexicano desde a Secretaría de Traballo do seu país, son en realidade unha chantaxe e soborno para que os electricistas renuncien ao seu dereito ao traballo, á contratación colectiva, á libre sindicalización e ao dereito á xubiliación.
7.- O movemento sindical e social internacional coñece a traxectoria histórica, combativa e solidaria do SME. Entendemos a medida do goberno federal mexicano como unha vinganza contra o SME debida á súa oposición á privatización da industria eléctrica nacionalizada que levaron a termo os gobernos neoliberais nos últimos tempos.
8.- A experiancia demostrou que as privatizacións efectuadas en América Latina e no mundo foron catastróficas para os traballadores e os pobos. Por esa mesma razón, o movemento sindical de clase loita contra a política dos gobernos entreguistas do patrimonio das nacións.
9.- Os dirixentes internacionais sabemos que o señor Calderón prometera crear máis e mellores empregos en México. Mais, os seus feitos amosan que está a facer todo o contrario.
10.- En tan difíciles condicións, os electricistas do SME manteñen unha resistencia activa, mobilizados xunto con outras organizacións sociais solidarias. O movemento sindical internacional maniféstalle aos electricistas do SME que non están sós nesta loita. Os sindicatos clasistas do mundo somos parte da mesma batalla e incorporámonos nos nosos países coa solidariedade de clase.
En consecuencia:
1.- Ratificamos a nosa solidariedade de clase co Sindicato Mexicano de Electricistas.
2.- Demandamos do goberno mexicano unha solución favorábel para todos os electricistas do SME reincorporándoos aos seus postos de traballo.
3.- Facemos responsábel ao seu goberno, de calquera agresión que poidan padecer os traballadores electricistas e o pobo mexicano por parte da Policía Federal Preventiva ou do Exército, pola súa participación na xornada de Folga Política do día 16 de marzo.
4.- Impulsaremos a mobilización nos diversos países, mediante accións públicas a partires do 16 de marzo, diante das embaixadas, consulados e oficinas de intereses comerciais de México no mundo, á vez que en organismos internacionais, denunciando a violación dos dereitos humanos, sociais e laborais dos electricistas do SME e demandando unha solución satisfatoria. Con posterioridade a esta data, realizaremos gradualmente as nosas accións até a solución definitiva do conflito a favor dos traballadores.
5.- Levaremos adiante unha campaña de solidariedade económica internacional para apoiar a resistencia dos compañeiros electricistas do SME.
6.- Daremos difusión á loita do SME e ás accións de solidariedade internacional cos traballadores electricistas mexicanos. Neste senso, todas as organizacións asistentes ao Foro adherimos á queixa interposta polo SME na OIT contra o goberno mexicano por violación dos Convenios 87 e 98 da OIT.
7.- Para dar máis efectividade a todos estes acordos, apróbase promover a partir desta data, unha coordenación entre o nivel nacional e o internacional da loita. A dita coordenación integrarase coa participación do SME, do DAE e da FSM.
Cidade de México, 11 de marzo de 2010.
FEDERACIÓN SINDICAL MUNDIAL, FSM.
ARXENTINA- Federación de Traballadores da Enerxía (CTA). BRASIL- Central Única de Trabalhadores (CUT); Central General de Trabalhadores do Brasil (CGTB); Sindicato de Trabalhadores da Industria Elétrica de Sao Paulo, STIESP (CTB); Federaçao Unitària de Petroleiros, (FUP), Central de Trabalhadoras e Trabalhadores do Brasil (CTB); Sindicato de Trabalhadores Electricistas, STE (NCST). CHIPRE- Federación Panchipriota do Traballo (PEO)..COLOMBIA- Unión Sindical Obreira da Industria Petroleira (USO). ECUADOR- Federación de Traballadores Electricistas, FEDELEC; Red Eléctrica Enlace. GALIZA- Federación de Químicas e Enerxía (CIG). Organización Internacional Droit à l´Energie. GUATEMALA- Sindicato de Traballadores do Instituto Nacional de Electricidade, STINDE. INDIA- Federación de Traballadores Electricistas da India, EEFI. PAIS BASCO- Sindicato Nacional LAB. PORTUGAL. Federaçao Metalúrgica. PUERTO RICO- Unión de Traballadores da Industria Eléctrica e o Rego, UTIER. URUGUAI, PIT-CNT. VENEZUELA- Federación Eléctrica de Venezuela, FETRAELEC. Foro Latinoamericano e Caribeño das e dos Traballadores da Enerxía; ESNA, Encontro Sindical Nossa América.