Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 17/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité de Empresa de Aquagest anuncia a convocatoria de folga indefinida despois da Semana Santa

Afecta a máis de 40 concellos e a arredor de 500 traballadores/as
Os traballadores e traballadoras de Aquagest e as centrais sindicais CIG e UGT veñen de anunciar, en rolda de prensa, a convocatoria de folga indefinida a partir da Semana Santa para exixir a paralización da política de despedimentos que vén de pór en marcha a empresa, a readmisión dos traballadores despedidos até o de agora e o desbloqueo da negociación colectiva. A folga afectará a arredor de 500 traballadores/as e a máis de 40 concellos como Santiago, Pontevedra, Ourense, Barbanza, Carballo, Laracha, Betanzos, Sada, Ribadeo ou Ribeiro, entre outros.

A semana pasada a empresa concesionaria do servizo de augas, Aquagest, anunciou o despedimento de catro traballadores. Na carta remitida aos afectados, a propia empresa admitía que se trataba de despedimentos improcedentes. A estes súmanse os que xa se produciron hai aproximadamente dous meses na zona de Ourense e Pontevedra, aínda que tras celebrarase o xuízo, os de Ourense foron declarados nulos.

Aquagest pertence ao Grupo AGBAR (Augas de Barcelona). A política de despedimentos, segundo informaban representantes do Comité de Empresa, púxose en marcha tras ser absorbido parte do grupo por unha multinacional francesa. Segundo as súas informacións, a dirección da empresa en Francia tería decidido amortizar os custos desa absorción despedindo a un 10% dos traballadores agora e a outro 10% a finais deste ano.

Os traballadores denuncian que coa redución do persoal verase gravemente afectado o servizo xa que agora se están a facer horas extra, que en ocasións superan até as 24 horas seguidas por traballador, co risco de accidentes que iso implica.

AGBAR pretende substituír aos traballadores por subcontratas, o que vai provocar un deterioro das condicións laborais tanto para os traballadores de Aquagest como para os que dependan desas empresas subcontratadas. Desde o comité de empresa, entenden que esta política laboral, coa que só pretenden incrementar os seus beneficios, supón un grave risco para os usuarios do servizo de augas e para os propios concellos cos que teñen as concesións. Aquagest encárgase do abastecemento de auga e da rede de saneamento, sumidoiros e alcantarillado.

Dáse a casualidade de que AGBAR rematou o pasado exercicio cuns beneficios de 166,8 millóns de euros e que o recibo de auga experimentou un incremento, para os usuarios, de como mínimo o IPC. Porén, a negociación do convenio está paralizada desde hai ano e medio o que provoca que os incrementos salariais dos traballadores /as estean conxelados.

A anunciada folga comezará tras rematar a Semana Santa, primeiro con paros puntuais, despois con convocatorias de folga durante días completos e, finalmente, se non son escoitadas as súas demandas, con folga indefinida. Os representantes do comité de empresa informaron de que non se desbotan mobilizacións a nivel estatal para adoptar medidas conxuntas entre todos os traballadores afectados e anuncian que están previstas xuntanzas entre os diferentes comités de empresa para traballar nesa vía.

 

cig.prensa@galizacig.com