O Comité de empresa de Alonarti Envases, empresa dedicada á fabricación de envases de aluminio para cosmética e farmacéutica, decidiu levantar o peche que mantiña nas instalacións da planta dende o martes 14 de abril, logo de acadar un principio de acordo coa representación de Vialmar.
Alberto Sanjúan, delegado da CIG e membro do Comité, explicou que os representantes de Vialmar transmitiron unha mensaxe de tranquilidade sobre o futuro da fábrica situada en O Porriño, aseguraron que comparten as preocupacións dos traballadores/as sobre a viabilidade da empresa e que están dispostos a establecer un marco de negociación para resolver os problemas que existen. Por este motivo, o Comité e a dirección manterán unha nova reunión, o vindeiro xoves 23 de abril, na que se presentará un plano de viabilidade e se abordarán os actuais problemas de Alonarti, así como as posíbeis solucións.
Durante o transcurso da xuntanza tamén se falou de reorganizar a dirección da empresa e de desenvolver planos de formación específica para o persoal, dúas demandas reclamadas constantemente dende o Comité.
Sanjuán cualificou de “positivo” este avance nas relacións coa empresa, pero advertiu que os traballadores/as non “estamos dispostos a que xoguen con nós” e indicou que non descartan recorrer a outro tipo de mobilizacións se a empresa non propón unha serie de medidas axeitadas para corrixir os defectos da planta.
Agradecemento aos compañeiros/as
Sanjúan quixo trasladar o “agradecemento profundo e enorme” do Comité ao conxunto do persoal de Alonarti Envases polo apoio e esforzo mostrado nos últimos días. “Isto serve para demostrarlle á empresa que somos un Comité forte e que os compañeiros e compañeiras estamos unidos cando fai falta”, asegurou.
A través do peche, o Comité quixo denunciar que a empresa carece de sistema de produción e de cualidade, polo que nos últimos dous anos, dende o traslado de Vigo até O Porriño, pasou de ter un bo sistema de cualidade a recibir reclamacións constantes por parte dos clientes.