A continuación reproducimos á integra o comunicado emitido polo Comité de empresa de SEAGA de A Coruña:
“Convocamos a rolda de prensa en primeiro lugar para denunciar a inutilidade e o incumprimento de SEAGA do acordo acadado en data 23 de marzo de 2009, no cal a empresa se comprometía por primeira vez a tentar dotar a SEAGA dunha mínima estabilidade laboral. Para que poidades entender o que estamos a falar, por SEAGA pasan anualmente 2.800 traballadores/as ao ano, dos cales, tan só na actualidade hai 6 con contrato indefinido que se corresponden ademais cos postos de dirección da empresa.
A mínima estabilidade laboral á que nos estamos a referir consiste en garantir a continuidade dos contratos actualmente existentes ata 30 de xuño do presente ano. Neste acordo a dirección da empresa se comprometía a manter unha reunión co actual Consello de administración, do que forma parte o Conselleiro Suárez Canal antes do 27 de marzo.
O acordo foi totalmente incumprido coa triste escusa da provisionalidade do actual Consello de administración e a suposta falta de capacidade de decisión ante a súa inminente caída.
Este Comité entende que a fórmula dunha empresa pública para a xestión dos servizos agropecuarios e forestais, se non é a administración quen xestiona isto directamente, é unha mellor fórmula que as anteriores. Como sabedes, con anterioridade á existencia de SEAGA a xestión dos servizos agropecuarios e forestais realizábase a través de subcontratas e empresas privadas. Pero a xestión que esta Administración fixo da empresa pública SEAGA foi totalmente nefasta.
Cando o señor Suárez Canal fala da flexibilidade que ten SEAGA ao que se refire é ao seguinte: salarios de miseria, xornadas de 18 horas, desprazamentos por cargo do traballador/a as veces superiores a 150 quilómetros, incumprimento e inexistencia total da normativa de prevención de riscos laborais, falta de transparencia nos procesos selectivos, acoso laboral, ilegalidades nas contratacións, absoluta inestabilidade laboral, e un longo etcétera ...
O que os responsábeis da Consellería do Medio Rural que agora deixan os seus cargos crearon, foi realmente unha empresa xestionada dende unha óptica absolutamente neoliberal, nada progresista e que se baseou na explotación laboral máis reaccionaria para acadar os seus obxectivos baixo a premisa de que o traballador/a eventual é máis eficaz.
Este Comité de empresa agarda que o novo goberno saiba ver as posibilidades que SEAGA ten para o futuro do sector agropecuario e forestal galego, mas que non caia nos mesmos erros que estes supostos progresistas cometeron e non lle dea continuidade á política de explotación laboral en SEAGA, para o que se considera indispensable a dimisión da actual dirección.
Existe por parte deste Comité unha completa disposición para iniciar as negociacións pertinentes co novo goberno a fin de acadar a estabilidade laboral necesaria e unhas condicións de traballo mínimas que permitan que se cumpran os obxectivos para os cales SEAGA foi creada".