marco
Compostela, 17/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Queremos Galego congrega en Compostela a arredor de 100.000 persoas baixo o lema “O Galego, o noso existir”

O máis reivindicativo Día das Letras Galegas celébrase cunha histórica manifestación
Unha multitudinaria manifestación percorreu as rúas de Compostela convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego, baixo o lema “O galego, o noso existir”, para celebrar un histórico e reivindicativo Día das Letras Galegas. Unha xornada na que estivo presente na memoria de todos e todas as asistentes Uxío Novoneyra, ao que se homenaxeaba nesta data, porque o galego, a forza do noso amor, non pode ser inútil, como se lembrou, unha e outra vez nas diferentes intervencións.

MANIFESTO

O galego, o noso existir

O idioma é para a inmensa maioría das galegas e dos galegos un patrimonio propio, único, insubstituíbel. Sentimos o galego como algo noso, independentemente da lingua que empreguemos no noso día a día. É a nosa creación máis valiosa e perténcenos.

Poucas dúbidas hai de que se Galiza ten hoxe un certo grao de autogoberno, cunhas institucións propias, é, nunha parte fundamental, debido a termos unha lingua e unha cultura propias. Lamentabelmente, desde hai un ano temos un presidente e un goberno da Xunta que parecen non decatarse de que se están aí é grazas a termos un idioma de noso.

Incumpren de forma incívica o mandato estatutario de promover o galego e andan ás patadas con el. O mellor exemplo desta política tan lesiva é o decretazo contra o galego, que, por exemplo, varre a nosa lingua da educación infantil nas cidades e prohibe ao profesorado o seu uso nas materias do ámbito científico-técnico.

A sociedade galega está a responder mobilizándose contra a extinción da nosa lingua e reclamando ás institucións que cumpran coa súa obriga de promovela, para garantir a igualdade de coñecemento, a igualdade de dereitos e a igualdade de oportunidades.

A plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e integrada por máis de 700 entidades de todo tipo, chama á sociedade a manter aceso o facho da defensa do noso idioma. Ademais, anima ao conxunto da cidadanía a que apoie coa súa sinatura a proposición de lei de garantía dos dereitos lingüísticos.

Gañar as eleccións non significa poder exercer o poder de maneira absoluta. Merecemos uns gobernantes responsábeis que non estean a xogar co noso existir e que cumpran coa súa obriga de usar, defender e promover a lingua que nos une como galegas e como galegos. Só en galego Galiza ten futuro!

 

Galería de imaxes http://www.galizacig.com/avantar/node/494/4234