Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 17/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Unhas 1.000 persoas reclaman en Silleda un futuro viábel para a Semana Verde

Demandan á Xunta que cumpra a lei
Perto dun milleiro de persoas percorreron o 12 de xuño as rúas de Silleda para reclamar a viabilidade do recinto feiral e para apoiar aos traballadores e traballadoras que xa alertaran dos problemas que existían na Semana Verde desde había máis de ano e medio. Boa parte dos establecementos comerciais pecharon en solidariedade con este colectivo.

A mobilización dos traballadores e traballadoras da Semana Verde encheu de ruído a vila de Silleda,chifres e camisolas de denuncia, e detrás dunha faixa co lema " E tí que cres que vai pasar coa feira?", o numeroso grupo de manifestantes coreaba consignas como "Queremos traballar e non mendigar" ou "Máis xestión e menos subvención".

Nesta marcha, apoiado pola corporación municipal e os grupos da oposición, os traballadores e traballadoras afectadas aproveitaron para recoller sinaturas, e é que xa levan máis de 400 de apoio a este colectivo.

Máis de 100 postos de traballo

Mari Carmen Midón, delegada da CIG na Semana Verde, explica que con esta crise "están pendentes dun fio máis de cen postos de traballo entre directos e indirectos, xa que se está a atravesar unha situación financeira moi grave, na que temos que estar pendentes mesmo de cando cobramos e se cobramos".

Na Praza da Feira Vella, a delegada de persoal da CIG lembrou, coa lectura dun manifesto, que "xa hai ano e medio abrimos a caixa dos tronos ao dármonos conta da ineficacia dos poderes públicos que daban cartos e miraban para outro lado, e agora só miran para outro lado".

Chamamento ás consellarias

"Acusáronnos de alarmistas, pero aportamos datos obxectivos. O cómodo sería calar e laiarse ao final, pero non o fixemos", subliñou. Neste manifesto fíxose tamén un chamamento ás consellarias con presenza no padroado a "velar pola integridade da feira, e que cumpran a lei".

Midón engadiu tamén que "é preciso salvagardar o patrimonio e a actividade desta Fundación, porque na actualidade só estamos a receber como actividade as oposicións de Presidencia, e o que precisamos é unha xestión acaída e unha reorganización para rendibilizar este espazo".

cig.prensa@galizacig.com