A reunión, que comezou xa pola mañá, prolongouse até pasadas as seis da tarde, e rematou co levantamento dunha acta na que se recollen as últimas ofertas presentadas pola dirección de Galfrío. Entre as propostas atópase unha indemnización de 36 días por ano traballado, sen límite de mensualidades, segundo explicou o responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi. A oferta incrementa as propostas achegadas até agora pola empresa, pero queda lonxe das reclamacións do persoal, que pide un mínimo de 45 días por ano, xa que entende que se trata de despedimentos improcedentes.
O xoves 18 será a asemblea xeral das traballadoras e traballadores a que teña que votar a favor ou en contra da oferta da empresa. Se o persoal aproba a proposta o venres procederíase a asinar o acordo definitivo.
Galfrío presentou o pasado mes de maio un expediente de regulación que afecta a todo persoal da planta de elaborados de Marín, e a pesar dos intentos dos traballadores e os representantes sindicais, que acudiron en reiteradas ocasións ante os “superdelegados” da Xunta de Pontevedra e Vigo para reclamar a mediación da administración, finalmente non foi posíbel atopar un novo comprador da factoría que evitase a destrucción dos empregos.
Galfrío conta cunha traxectoria prolongada en Marín, onde ten unha planta frigorífica dende hai 20 anos. Non obstante hai uns seis anos acordou ampliar o negocio e instalar unha planta de elaborados, que agora vén de pechar.
O peche da factoría suporá o despedimento da totalidade dos seus 53 traballadores/as e de catro operarios máis pertencentes á planta de frío.