“Entendemos que a responsabilidade laboral, cando menos, recae sobre a Dirección de Caixanova toda vez que foi Óscar Rodríguez Estrada quen falou en nome de ambas Caixas marcando os criterios na reunión do día 14, de aí que elixiramos a entidade con sede en Vigo. Protestamos ante quen manda”, aseguran dende a CIG-Banca.
As caixas teñen asegurado que os excedentes serán de 1.200 persoas, pero ao mesmo tempo indicaron que a nova entidade no 2015 terá 5.400 traballadores/as fronte ás 7.800 actuais. Xa que logo, polo camiño perderanse outros 1.200 postos de traballo sen que se saiba en que departamentos ou oficinas ou en que datas.
A respecto das cifras de prexubilacións manexadas, dende a CIG-banca subliñan que as persoas maiores de 55 anos teñen dereito a seguir traballando si o desexan, “ter 55 anos non é un delito nin motivo suficiente para ser excluído do mundo laboral. Se as Caixas e o Banco de España queren desfacerse delas para reducir custes para solucionar os problemas creados pola mala xestión duns e a pésima supervisión dos outros, os compañeiros e compañeiras teñen dereito a prexubilarse cunhas condicións dignas pactadas e negociadas. Quen leva anos e anos de servizo na empresa, ao pé do canón, merece todo o respecto”.
Neste senso, apuntan, os traballadores/as menores de 55 teñen dereito a ver respectadas as súas condicións laborais e todo o persoal ten dereito a percibir o mesmo salario polo mesmo traballo, “non renunciaremos á homologación partindo do respecto aos dereitos consolidados”.
A CIG-Banca indica que estamos no inicio do proceso e que moitas cuestións están no aire, mais iso non implica que as Caixas teñan un cheque en branco. Por exemplo semella claro que os desinvestimentos de activos por valor de 8.000 millóns de euros son precisos para que Caixa Galicia e Caixanova afronten os 9.100 millóns de vencementos de débeda que teñen até o 2012, unhas débedas excesivas froito dunha mala xestión. Pero eses desinvestimentos poden ter repercusións laborais xa que implican a posible venda de oficinas (tamén en Galiza), e traballadores/as e clientes teñen dereito a coñecer os plans que hoxe as caixas agochan no caixón.
Por todo isto o vindeiro día 22 de xuño os traballadores e traballadoras de ambas entidades continuarán o proceso de mobilizacións cunha concentración diante da central de Caixanova en Vigo.