“Aquí estamos ante unha loita de poder, ante unha loita cun claro contido de clase, ante a unha loita por modelos de organización socioeconómica totalmente confrontados e polo tanto, ou conseguimos paralizar todo isto, ou a situación da clase traballadores nos próximos anos vai empeorar gravemente tanto nas condicións laborais como sociais, impóndose un modelo de relacións laborais desregularizado e controlado polo empresariado”.
Con esta contundencia se dirixiu o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, aos centos de manifestantes que esta tarde participaron na mobilización convocada pola central en A Coruña, e que en paralelo se estaba desenvolvendo nas cidades de Vigo, Compostela, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol e Vilagarcía, como resposta á aprobación no Consello de Ministros da nova reforma laboral.
Seixo lembrou na súa intervención final que esta reforma lexitima o recorte de dereitos máis importante adoptado no estado español no período de democracia, introducindo unha serie de medidas para facilitar e abaratar o despedimento, “e na perspectiva de que co tempo o que se vai consolidar é o despedimento por causas obxectivas, que supón para a patronal poder despedir con 12 días por ano, xa que 8 días estarán subvencionados polo FOGASA”.
Unha reforma inxustificábel
Atopámonos ante unha reforma “inxusta e inxustificábel”, denunciou, que non garda relación coa situación de crise, non vai influír na saída da mesma, non creará emprego e tampouco rematará coa dualidade no mercado laboral; argumentos estes manexados para xustificar este reaxuste que, pola contra, responde a unha das reivindicacións tradicionais da patronal: buscar mecanismos cada vez máis achegados ao despedimento gratuíto.
Sábese que a crise económica non veu motivada polas supostas rixideces do mercado laboral, nin polos altos custes do despedimento ou as rixideces na estrutura da negociación colectiva, senón que estivo motivada por unhas políticas económicas que fomentaron a especulación e xeraron unha serie de burbullas (a inmobiliaria, a financeira, etc) que “foron as que se viñeron abaixo, arrastrando ao conxunto da economía”.
“É esta economía especulativa, controlada pola oligarquía financeira e as grandes empresas transnacionais, a que habería que reformar, e non o mundo laboral, que se ten convertido, xunto coa redución do gasto público, no obxectivo a atacar en cada crise rexistrada nos últimos tempos. Os resultados das reformas teñen demostrado que só se conseguiu máis temporalidade , máis rotación na contratación e unha considerábel perda de peso dos salarios no PIB”, aseverou.
Detrás destas medidas, advertiu Seixo, está a presión da UE e o FMI e “atrás deles o capital financeiro, especialmente o alemán e o francés” que teñen prestado importantes sumas de diñeiro tanto á banca como ás grandes empresas españolas. Cartos que non destinaron á economía produtiva, senón que utilizaron para especular no mercado inmobiliario. Pero esas grandes entidades europeas e norteamericanas tamén posúen unha parte considerábel da débeda pública do estado español, situación á que se chegou por seguir unha política de redución dos impostos ao capital e ás grandes fortunas, ocasionando un déficit que se pretendeu atallar pola vía da emisión da débeda pública. “Para garantir que tanto o estado como a banca privada poidan pagar eses empréstitos é que adoptan este tipo de políticas, que pasan pola redución do gasto público e a precarización do mercado laboral”.
Cambio de modelo económico e social
Fronte a isto, CIG vén desenmascarando o dende o primeiro momento as verdadeiras causas da crise, pulando pola necesidade de camiñar cara a un novo modelo de organización económica e social e propondo alternativas que pasan fundamentalmente por unha política fiscal de carácter progresivo, combater a fraude e os paraísos fiscais, incrementar o investimento público, crear unha banca pública e empresas públicas en sectores estratéxicos, aplicar unha política de reforzo da rendas e dos ingresos do estado e incrementar o peso deste na economía.
“Entendemos que por aí pasan as alternativas, mais é do que no se está a falar nin dende o goberno nin dende as institucións europeas, e moito menos no FMI, que está a utilizar os mesmos esquemas que aplicou en Asia ou América Latina nos últimos anos”, denunciou o Secretario Xeral da CIG.
Necesidade dunha folga xeral
Para visibilizar estas demandas, a CIG promoveu manifestacións durante os dous últimos anos e esixiu a convocatoria dunha folga xeral urxente como medida de presión para evitar as políticas de recorte de dereitos, pero tamén para reclamar medidas en positivo de cara a combater de forma eficaz a crise económica dende un punto de vista favorábel á clase traballadora. Mais non foi posíbel, asegurou Seixo, como consecuencia da estratexia sindical que están a realizar CCOO e UGT. Ambas metidas na dinámica do diálogo social e da colaboración co poder, tentando, ademais, transmitir á opinión pública a idea de que é nese diálogo de onde poden vir as alternativas, “cando sabemos que nesas mesas só se fala de políticas relacionadas co mercado laboral, pero para nada se abordan as políticas económicas clave para saír desta crise”.
O Secretario Xeral acusou directamente a CCOO e UGT de seren “os culpábeis de que a estas alturas no Estado español non se producise unha contestación máis dura á política de recortes”. Non obstante, e aínda que adiar a folga xeral a finais de setembro é atrasar demasiado a resposta á crise, a CIG valora como positivo que os dous sindicatos por fin decidiran lanzarse a esta convocatoria, “pois esta situación é realmente preocupante para a clase traballadora. Estamos antes os recortes de dereitos máis importantes da democracia, pero corremos o serio perigo de que non se queden aí. É evidente que isto vai seguir un trámite parlamentar a través dun proxecto de lei, e existen grupos políticos que piden ir máis alá da reforma e mudar o sistema público de pensións. Non sería de estrañar que se non conseguimos dar unha resposta contundente nese trámite parlamentar se empeore o contido da reforma”.
Por iso, é fundamental que a folga xeral teña boa resposta para o que haberá que realizar un traballo moi directo nas empresas e nos centros de cara a informar aos traballadores e traballadoras e darlle a entender que hai unha intención clara por parte da patronal e das institucións europeas de aproveitar a crise para saír dela a costa dos traballadores/as e impor unha política de recortes que fortalezan o modelo neoliberal e os posicionamentos do capital e a patronal fronte á clase obreira.