A asemblea de traballadores/as acordaba desconvocar as xornadas de folga previstas no sector de mármores e pedra de Pontevedra, logo de que a patronal asumira algunhas das reivindicacións do persoal, como o pago das fins de semana. Así mesmo, logrouse establecer un calendario “con datas” para abordar as categorías profesionais e aqueles aspectos relacionados coa elevada toxicidade que se rexistra nesta actividade e que constitúen unha das principais reivindicacións do traballadores/as e organizacións sindicais.
Así, a patronal comprometeuse a abrir un período de conversas no que se abordará a negociación dos postos que requiren un plus de perigosidade, o inicio do estudo epidemolóxico ou a dotación de mecanismos de seguimento e control para o correcto cumprimento e identificación dos riscos para a seguridade e a saúde no sector. Todas estas cuestións terán que ser negociadas antes do 15 de novembro deste ano.
Alberto Fernández, responsábel da CIG-Construción de Vigo, valorou positivamente o desbloqueo da situación, pero advertiu que a suspensión da folga non implica que o conflito estea rematado e anunciou que a súa resolución será “complicada”.
Fernández subliñou a importante resposta dada polos/as traballadores/as, especialmente nas zonas de O Porriño e Ponteareas, nas primeiras xornadas de folga “como un toque de atención á patronal” que reflicte o malestar que existe no sector.