Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 17/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O extraballador de Asfedro en folga de fame denuncia o irregular funcionamento da entidade e pide que se audite

O afectado, que leva máis de 20 anos traballando no eido das drogodependencias, reclama a intervención da Consellaría
O traballador despedido pola Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro), e que o dende o pasado 11 de xullo está en folga de fame, remitiu un escrito á Xunta de Galiza para explicar a súa situación laboral, informar do “funcionamento irregular” da entidade e reclamar unha auditoría por parte da Consellaría de Sanidade.

Cheto Rico Prieto comezou o pasado 11 de xullo unha folga de fame e unha acampada diante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol, para denunciar a situación de acoso que está a padecer por parte da directiva de Asfedro. O traballador, que leva máis de 20 anos prestando servizos na entidade, foi despedido por segunda vez tan só dous días despois de que a asociación o tivese que readmitir por mor dunha sentenza xudicial.

O afectado entregou por rexistro un escrito dirixido á Consellaría de Sanidade, da que  entidade recibe subvencións, para pór en coñecemento da administración galega as situación de persecución que está a padecer por parte da directiva dende que solicitou información para esclarecer posíbeis “irregularidades no funcionamento” de Asfedro “tanto no ámbito do emprego dos recursos públicos como dos recursos humanos”.

O traballador denuncia que nestes momentos está a sufrir un trato “inxusto e degradante”, que lle ten ocasionado padecementos mentais ansiosos-depresivos. De feito, o Xulgado do Social de Ferrol xa lle recoñeceu que a súa doenza ten unha orixe no ámbito laboral.

Ante a falta de cambios na política seguida pola directiva da Asociación, o traballador anima á Consellaría de Sanidade a que audite a entidade, co obxectivo de fiscalizar “as contas dun xeito máis transparente, impedindo que se empregue diñeiro público para despedir traballadores/as e por outro lado, para pagar abondosos salarios a outros sen aparentes razóns obxectivas que o xustifiquen”. Así como para evitar que os cartos que deberían ser destinados á atención a drogodependencias se utilicen “para afrontar cuantiosas minutas en procesos xudiciais para despedir a traballadores/as que levamos moitos anos traballando neste eido”.

cig.prensa@galizacig.com