Dende a central nacionalista denuncian que estas dúas persoas “parece que están desaparecidas cando temos activo un incendio que afecta ao Parque Natural do Xurés e dedícanse a facerlle a vida imposíbel ao persoal do Servizo Público de Prevención, Defensa e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF) e a non deixalos traballar cos protocolos que que establece o Plan de Defensa contra Incendios (PLADIGA)”.
En concreto, indican que o xefe de distrito -do que lembran que foi sorprendido practicando a caza furtiva- acorda dun día para outro cambiar o punto de encontro das brigadas contraincendios, “obrigando ao persoal a desprazarse sen medios materiais para comezar a súa xornada de traballo”. Tamén critican que as novas ordes obrigan os brigadistas a situarse nas zonas altas dos montes, lonxe das estradas, o que incrementa o tempo de reacción e chegada aos lumes.
Segundo censura a CIG-Autonómica, a “megalomanía do xefe de distrito chega ao punto de concentrar nun incendio medios humanos e materiais moi superiores aos necesarios, deixando desprotexido gran parte do territorio”. Tamén sosteñen que obriga, en contra da opinión dos axentes forestais, a repasar un lume extinguido até cinco días despois.
O sindicato denuncia que estas actuacións “improvisadas e arbitrarias” provocan o esgotamento do persoal e aumentan a inseguridade diante dun accidente laboral , critica o desmantelamento por parte da Xunta das brigadas de investigación dos lumes e acusa o Goberno galego de non cubrir as baixas nas cuadrillas de extinción, mantendo algunhas delas con só dúas persoas, “o que supón un grave risco para os traballadores/as, tal e como vimos denunciando”.