Diante das informacións recollidas polos medios de comunicación de supostas acollidas en masa á obxección de conciencia por parte dos profesionais da sanidade, dende a CIG-Saúde sosteñen que non existe comunicación oficial destes datos e que en todo caso estes foron obtidos “mediante un cuestionario que foi remitido no seu día aos traballadores e traballadoras dun xeito case secreto”.
Neste senso, lembran que na mesa sectorial celebrada o pasado 20 de xullo solicitaron que se lles informase do contido das enquisas, cousa que aínda non sucedeu, polo que critican o “escurantismo” co que actúa a Consellería co ánimo de “terxiversar os datos e coaccionar ou dirixir as respostas do persoal interino, que sente perigar as súas condicións laborais se non resposta o que se pretende que conteste”.
Ao mesmo tempo, denuncian o afán privatizador do departamento autonómico, que está a asinar concertos con clínicas privadas para que presten un servizo que debe de ser ofertado nos hospitais públicos. Deste xeito, a Consellería estaría a “demonizar” non só a Sanidade pública e os seus profesionais, “senón tamén a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo e a aquelas pacientes que deciden facer uso dela”.
Finalmente, esixen de novo que se lles remita o contido e os resultados do cuestionario enviado aos profesionais, ao tempo que invitan á conselleira a ofertar este servizo nos centros públicos.