A función das 8 traballadoras da subcontrata que desenvolve a súa actividade nesta liña é similar á dunha azafata de avión: atender aos viaxeiros, recepcionar e gardar as maletas e durante a viaxe dar agasallos, cattering, bebidas...
A empresa iniciou o período de consultas co Comité de Empresa para rebaixar o salario un 14,37% alegando que hai empresas da competencia que o fan máis barato e baixo a ameaza de que, de non aceptar perderían o servizo. Alén diso, e dado que non hai subrogación, as traballadoras irían para a rúa. Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, explica que, “esa rebaixa de salarios non vai repercutir nin na rebaixa do prezo do billete, incluído este servizo, nin nunha mellora do mesmo, demostrando claramente que o que se busca en realidade é incrementar os beneficios empresariais a custo dos salarios das traballadoras”.
A outra alternativa que se lles ofrece, se non aceptan estas condicións é acollerse ao despedimento de 20 días por ano. “Así contratan xente nova coas novas condicións”, denuncia Alonso.
Esta proposta tamén a realizaron no resto do Estado, e afecta a un total de 67 traballadoras. A maioría delas aceptaron ben rebaixar o salario, ben o despedimento de 20 días. Alonso sinala que, ao parecer, a maioría das traballadoras non están sindicadas “de aí a facilidade que tivo a empresa para impor estas novas condicións”, salienta o secretario comarcal da CIG-Servizos, quen engade que “é unha mostra clara da rebaixa salarial que se está a demandar, que en ningún caso favorecerá á recuperación económica, unicamente o incremento dos beneficios empresariais”.
Xunto a isto, Alonso alerta de que con estas políticas “aumentará a conflitividade laboral e reduciranse os ingresos do estado por cotas de seguridade social e IRPF”.