Dende a CIG-Saúde lembran que durante a primeira manifestación pública da conselleira de Sanidade, esta declarábase conselleira da sanidade pública e da privada, e “agora mediante Ordes de Servizo declara ao persoal estatutario traballadores dos dous sectores, hoxe traballas nun hospital público e mañá vas a unha clínica privada”.
Coa data 7 de setembro de 2009 a Directora de Recursos Humanos de Galaria dita Ordes de Servizo “obrigatorias” ás enfermeiras estatutarias perfusionistas con destino no quirófano de cirurxía cardíaca do hospital Meixoeiro, para que a partires desta data e con periodicidade de 2 días semanais, pasen a desenvolver o seu traballo dentro da súa xornada ordinaria no hospital privado Nosa Señora de Fátima.
Durante a súa xornada de traballo este persoal desenvolve ás súas función en compañía de persoal propio do hospital privado, de modo que a Consellaría acaba de crear unha equipa multidisciplinar público/privado, até o de agora non coñecido no sistema Nacional de Saúde.
Incumprimento da lexislación
Neste punto, dende a CIG-Saúde destacan que a lexislación vixente para o persoal Estatutario non contempla baixo ningún concepto a cesión de traballadores/as públicos a hospitais privados, razón pola que dende a central se ten solicitado aos responsábeis do SERGAS a inmediata paralización desta medida.
“Pedímoslle a todos/as os/as traballadores/as que se manteñan alerta ante este tipo de situacións, que non podemos permitir, xa que o que hoxe empezou en Vigo, pode estenderse como un regueiro de pólvora por toda Galiza”, alertan nun comunicado.
Así mesmo, dende a CIG advertiuse que de non pararse esta decisión de inmediato non se descartan tomar medidas de presión.