Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 17/9/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Correos pecha indefinidamente o servizo de atención ao público polas tardes nas oficinas de Sada e Betanzos

A dirección de zona comunicou que a medida se fará efectiva a partir do 1 de outubro
A CIG-Correos vén de informar das intencións de Correos de pechar indefinidamente o servizo de atención ao público polas tardes nas oficinas de Sada e Betanzos, cando hai pouco a dirección anunciara por todo o alto aos veciños/as e traballadores/as a ampliación deste servizo e os seus múltiples beneficios para a bisbarra. A medida, segundo informaron dende a CIG-Correos, farase efectiva a partir do vindeiro 1 de outubro e podería ser o punto de partida para novos recortes nos servizos.

A dirección da zona de Correos en Galiza comunicou á representación do persoal de xeito oficial, que este peche se fará efectivo a partir do vindeiro día 1 de outubro, xustamente, a continuación da suspensión dese servizo de tardes durante o período vacacional, que xa este ano se veu atrasado ata finais do mes de setembro cando outros anos tan só se suspendía até mediados dese mes.

“Non entendemos dende a CIG Correos cales poden ser os motivos que levan á Dirección de Correos a tomar esta decisión, pois estas oficinas en concreto non presentan datos estatísticos diferentes ao resto das oficinas que abren de tarde”, sinala Miguel Ramudo, delegado da CIG en Correos.

Por iso, dende a central sindical existe o temor a que esta decisión sexa o punto de partida dunha serie de cambios encamiñados a facer desaparecer as quendas de tarde da maior parte das oficinas da provincia. “Dende logo na CIG Correos non compartimos a idea de que esta empresa Correos recorra á redución de persoal e a deixar de prestar servizos á cidadanía para mellorar os maltreitos resultados económicos”, subliña Ramudo.

Pola contra, a CIG entende que o servizo de Correos debe estar estendido todo o que sexa necesario e cos horarios máis amplos posíbeis, para facilitarlle á cidadanía o acceso aos mesmos nas mellores condicións e circunstancias. “Non se pode obrigar aos veciños/as dos concellos de Sada, Betanzos, Abegondo, Bergondo, Oza, Cesuras, Teixeiro... a desprazarse, en principio até Perillo, para facer uso dos servizos que oferta Correos  polas tardes”, critica o delegado da central.

No que atinxe ao persoal de Correos que até o momento estaba ocupando estes postos que van desaparecer, dende a CIG-Correos sospeitase que a intención da empresa é amortizar estas prazas directamente recolocando os afectados e afectadas noutros postos. “A redución de persoal tamén se fai desta maneira e ao final estamos falando de que se reducen os postos de traballo e ao mesmo tempo se deixa de prestar un servizo básico precisamente nas horas nas que os cidadáns/ás teñen máis posibilidades de achegarse ás oficinas”, denuncia Miguel Ramudo.

Dende a CIG esíxese de Correos que revoque esta comunicación e, en caso contrario, non se desbota a posibilidade de convocar accións de presión; “unhas medidas que se poden tomar conxuntamente cos responsábeis políticos e as asociacións veciñais dos concellos afectados cos que xa empezamos a poñernos en contacto”.

cig.prensa@galizacig.com