A CIG-Ensino afirma que se trata dun intento desesperado para intentar reducir a incidencia da folga e desmobilizar á sociedade galega o día 21 contra o decretazo. “Mais será, de novo, un intento fallido, pois neste momento todos os datos apuntan a un apoio masivo entre docentes e alumnado, co importante apoio de moitas ANPAS”, di.
Rolda de contactos “sectaria”
Esta rolda de contactos, segundo explica a CIG-Ensino, se “autodesacredita” ao poñer ao mesmo nivel organizacións maioritarias, con representación contrastada, con outras de dubidosa ou insignificante representatividade ou organizacións fantasmas que se caracterizan por combater ao galego como “Galicia Bilingüe” ou “ Mesa por la Libertad Lingüística”. “O sectarismo da Consellaría e uso partidista de Administración, lévaos a deixar fóra destes contactos a entidades que se caracterizan polo compromiso coa normalización lingüística”, como os Movementos de Renovación Pedagóxica (AS-PG e NEG) ou outras moitas entidades de distintos ámbitos e probada proxección como a Plataforma “Queremos Galego” que veñen mostrando a súa preocupación pola actitude antigalega do goberno do PP.
A CIG-Ensino acudirá a esta reunión para trasladarlle persoalmente ao Conselleiro Jesús Vázquez a postura que xa coñece, pois esta organización sindical sempre se pronunciou claramente pola aplicación do Plan Xeral de Normalización lingüística e polo mantemento do Decreto 124/2007 e a súa aplicación efectiva. Cuestión que lle será reiterada ao tempo que esixirá a retirada das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario”, xa que “non aceptaremos ningunha proposta que signifique algún retroceso do lexislado até de agora en relación coa normalización lingüística”.
Apoio á folga
A CIG-Ensino vén comprobando ao longo destes días que o profesorado galego non só rexeita completamente as bases presentadas por Educación, senón que considera unha burla á súa profesionalidade este intento descarado de eliminar o noso idioma do ensino, trasladando aos centros conflitos innecesarios e impoñendo un debate fraudulento verbo da aprendizaxe do inglés. A CIG-Ensino asegura que as profesoras e os profesores galegos rexeitan a falacia do trilingüismo, pois incidirá no incremento do fracaso escolar, provocará que haxa centros de primeira e de segunda, creará agravios comparativos entre o profesorado e de ningunha maneira se vai traducir no incremento da aprendizaxe do inglés.
Por todos estes motivos as profesoras e os profesores veñen manifestando o seu apoio á folga, decisión que supuxo que organizacións sindicais como CCOO, que non aceptaron convocar nin apoiaban a folga, tivesen que manifestarse en prol dela tres días antes, unha vez que comprobaron o apoio que entre o profesorado tiña a convocatoria da Plataforma Queremos Galego, da que a CIG forma parte.