"O sábado xuntámonos co conselleiro de Industria, Javier Guerra, que nos convocou a unha reunión para tratar o tema de Alfageme. En síntese, informounos de que a Xunta está a xestionar un aval de 1,2 millóns de euros, que se concretaria entre o luns e o mércores. Nós xa manifestamos que non estabamos de acordo porque esta cantidade só serviria para pagar salarios atrasados, e non para comezar a actividade, algo que é esencial. Tamén nos relatou que estaban a facer xestións para a entrada doutros posíbeis inversores mais que se encontraban coa oposición de Juan Lago a abandonar a dirección nin a vender as accións", informaba Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT-CIG, diante da Inspección de Traballo.
Críticas á Administración
Sobre estes últimos movementos, Piñeiro salientou que "a Administración leva desde o mes de agosto sabendo que este empresario é un delincuente, e que polo tanto non pode seguir estando á fronte desa empresa, e a Administración que ten 30 millóns ai avalados, debería moverse xa que son cartos de todos os galegos e galegas, e máis porque desde xuño nos lle pediramos unha entrevista que non concedeu".
Estes cambios na postura da Administración deberonse a que na fin de semana as traballadoras de Ribadumia, desde o peche, realizaron distintas accións para presionar
"Imos seguir mobilizándonos na defensa do posto de traballo e polo cobro dos salarios, polo que nos imos desprazar até algúns dos domicilios que ten Juan Lago en Vigo, despois a Promalar e o resto da semana xa temos deseñada unha serie de mobilizacións para continuar a dar esta batalla", engadiu.
Denuncia en Inspección
Na Inspección de Traballo os Comités de Empresa de Vigo e Ribadumia presentaron dúas denuncias por falta de actividade nos centros de traballo, polas consecuencias xurídicas de demandas que se podan presentar e para contar con todas as reclamacións legais necesarias.
Até a casa de Juan Lago
Despois, pasadas as once e media, estas perto de 200 traballadoras e traballadores achegábanse até a rúa Areal número 44, lugar onde Juan Lago e o seu fillo contan cun dos seus domicilios, e onde se realizou unha concentración.
Desde aqui desprazaronse á sede da inmobiliaria Promalar en Vigo, que está na rúa Garcia Barbón, fronte ao Clube Financeiro para facer escoitar de novo os seus berros contra a especulación e na defensa do emprego.
Galería fotográfica desta xornada