A situación de incertidume na que dende hai meses está inmersa a planta de Bunge Ibérica en Culleredo e a falta de apoio da administración galega levou está mañá a un grupo de traballadores a pecharse nunha das salas do quinto andar do edificio da Xunta en A Coruña, á espera de seren recibidos polo superdelegado, Diego Calvo. “Queremos denunciar a pasividade e a complicidade da Xunta coa empresa, pois ten calado diante de todo o desmantelamento, o peche e os despedimentos ilegais que está realizando Bunge”, criticaba o secretario comarcal da CIG, Paulo Carril, quen acompañou o persoal nesta acción.
Hai máis de tres meses a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, prometía que ía xestionar unha reunión a tres bandas entre a empresa, a parte social e a administración para tentar solucionar a complicada situación na que se atopa a factoría. Non obstante, tal reunión nunca tivo lugar.
Desta volta, os traballadores foron recibidos polos superdelegado, Diego Calvo, quen se puxo en contacto co Director Xeral de Relacións Laborais, e quen, á súa vez, se comprometeu a convocar unha xuntanza entre as tres partes o vindeiro 27 de xaneiro. Así, co obxecto conseguido, o peche dábase por rematado pouco despois da unha da tarde.
A empresa non inviste en Galiza, pero si en Cataluña
A primeiros de mes, o persoal remitiu á Xunta un dossier consistente en copias de anuncios aparecidos na prensa e no BOE a través dos que se demostra que Bunge Ibérica vai mellorar e ampliar as instalacións que posúe en Cataluña, a pesar de ter asegurado a traballadores e administración que a situación de crise imposibilitaba calquera inversión da multinacional no Estado nos vindeiros catro anos e, polo tanto, que non se ían nin acondicionar a planta de Culleredo nin crear unha nova factoría en Galiza. Ambas peticións, parte dos traballadores e a CIG, formuláronse logo de térense paralizado o expediente de regulación de emprego e as tentativas de traslado colectivo a outras plantas da compañía.
“A empresa minte a todas as partes e fixo un peche empresarial sen ter as autorizacións legais”, denunciaba Ángel Herrero, un dos participantes no peche e delegado da CIG. “Nós vimos aquí reclamar á Xunta unha implicación real, porque Bunge sigue existindo: hai unha factoría cuns traballadores que están sen ocupación efectiva dende hai moito tempo e aos que a empresa non deixa de presionar”, denunciaba o delegado da CIG.
Neste senso, Herrero apuntaba que a dirección négase a manter unha negociación conxunta cos representantes sindicais, atrasa os pagos das nóminas e realiza cambios arbitrarios de postos de traballo, co obxectivo de debilitar ao conxunto do persoal e lograr así unha negociación individual.
Pola súa banda, Paulo Carril aseguraba que o feito de que Bunge amplíe a planta de Cataluña “é unha mostra máis da incompetencia desta Xunta e da súa incapacidade para resolver de xeito positivo o conflito nesta empresa e garantir a continuidade da actividade e dos empregos”.
Denuncias na Inspección de Traballo
Coa protesta tamén se quería demandar á Xunta que urxa á Inspección de Traballo a resolver todas as denuncias que teñen presentadas os traballadores, algunhas hai xa dous meses, a respecto dos atrasos nos pagos de nóminas, a vulneración do dereito de reunión nas instalacións da empresa, a carencia de recoñecementos médicos, incumprimentos na bolsa de nadal, falta de roupa de traballo ou a respecto da negativa a negociar o convenio para o presente ano.
O cadro de persoal acude cada día ao seu posto puntualmente, a pesar de que a planta leva dende finais de febreiro sen actividade e dos 13 silos que había inicialmente na factoría tan só quedan en pé 8, os outros cinco ou ben caeron polo abandono no que se atopaban ou foron desmantelados pola empresa.