Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 18/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Publícase a convocatoria de axudas á normalización lingüística con atraso e con redución orzamentaria

Redúcense nun 20% respecto do ano pasado e non se convocaron até o 11 de xaneiro
Tal e como denunciara a CIG-Ensino a Secretaría Xeral de Política Lingüística agardou ao día 11 de xaneiro para publicar a convocatoria de axudas a proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos, dando un paso atrás nun dos avances que se tiña acadado nesta materia: que as axudas se convocasen co inicio do curso escolar. Unha demanda que a CIG-Ensino conseguiu que fose atendida polo anterior goberno.

Contra isto as axudas publícanse no segundo trimestre do curso cun segundo agravante, a perda dun 20% do orzamento con respecto á convocatoria do ano pasado, pois a contía global das axudas pasa de 1 millón de euros a 800.000. Tamén esta perda orzamentaria, así como a desaparición da partida asignada ao cuarto trimestre do ano 2009, fora denunciado pola CIG no seu día.

Este atraso e esta perda orzamentaria traducíronse en que os centros non puideron presentar proxectos a realizar no primeiro trimestre do curso, ou desde o primeiro trimestre, perdendo un tempo precioso para a normalización do noso idioma.

Mais non só isto, abondando na desconfianza que contra os centros ten a actual Administración, e incrementando as dificultades para a xustificación dos gastos, a presente convocatoria non admite as compulsas do propio centro, obrigando á realización de desprazamentos ou gastos claramente innecesarios. Tamén desaparece da convocatoria a proposta de realización dunha comisión que durante o mes de xullo emitía ditame global sobre a convocatoria co obxecto de propor medidas correctoras para o mellor funcionamento dos equipos de normalización e dinamización lingüística e para o mellor desenvolvemento dos proxectos de fomento de uso do galego.

A CIG-Ensino denuncia que estamos ante un novo elemento de agresión ao noso idioma, un ataque máis da folla de ruta deseñada polo goberno Feijoo para a erradicación da nosa lingua do ensino, unha folla de ruta que, como temos denunciado, inclúe pequenos pasos e pasos estratéxicos, sempre baixo o mesmo espírito galegófobo e coa mesma pretensión de ataque reiterado ao noso idioma e á nosa identidade.

cig.prensa@galizacig.com