Esta acción, explica a Secretaria da CIG-Mocidade, Margarida Corral Sánchez, foi acordada nunha reunión da Comisión Nacional da Mocidade celebrada o pasado día 10 de decembro, co obxecto de continuar coas mobilizacións de repulsa pola aplicación da regresiva reforma laboral, e que finalmente se encadrou dentro dos actos preparativos da folga xeral convocada pola CIG en Galiza para o día 27 de xaneiro.
“O pasado 29 de setembro a mocidade galega foi quen de advertirlle ao goberno español que a Reforma Laboral aprobada non crearía emprego, provocaría máis temporalidade e faría que o despedimento fose máis barato, abocando ao paro e á precariedade á xente nova. Malia o masivo seguimento da folga, o goberno español non só non retirou a reforma, senón que puxo en marcha medidas máis regresivas como a retirada dos 426 euros para parados/as de longa duración”, denuncia a Secretaria da CIG-Mocidade.
Margarida Corral avala a súa crítica sobre a ineficacia da reforma do mundo do traballo referíndose ás cifras de desemprego rexistradas no ultimo trimestre do ano 2010. Así, segundo datos da EPA, o paro xuvenil en Galiza foi do 34,6% para a mocidade de entre 16 e 24 anos (das máis elevadas do Estado), o cal supón preto de 64.800 mozos e mozas desempregados/as. Deles/as, 23.700 na provincia de A Coruña, 6.400 en Lugo, 6.800 en Ourense e 27.900 na provincia de Pontevedra.
Ademais, subliña a Secretaria da CIG-Mocidade, para aqueles mozos e mozas que acadaron un traballo, este foi maioritariamente temporal, chegando a taxa de temporalidade até o 69% para as persoas de entre 16 e 29 anos e do 45,8% para os/as que teñen entre 25 e 29 anos; percibindo, na maioría dos casos, salarios inferiores ao salario medio en Galiza, a pesares de teres máis formación que ningunha outra das xeracións galegas.
“Mais, a pesar do alarmante destes datos, nin o goberno do PP en Galiza, nin o PSOE no Estado foron quen de tomar medidas para reducir o paro, ou para pór en marcha un efectivo plan de emprego xuvenil”, lamentou.
Por iso, a CIG-Mocidade acordou levar adiante esta campaña co obxecto de reclamar un emprego digno para a xente nova e, ao mesmo tempo, rexeitar as medidas anunciadas polo goberno español, como a da inmediata reforma do sistema público de pensións e da negociación colectiva.
Actos informativos nos centros de ensino
Nas distintas comisións comarcais da mocidade que tiveron lugar durante este período, aclara Corral Sánchez, debateuse a respecto da situación das mozas e mozos en cada un dos territorios e acordouse celebrar unha serie de actos informativos nos centros de formación profesional e ensino superior, alén de proceder ao reparto de folletos nos sectores cun elevado número de traballadores e traballadoras mozas. Nestes folletos analízanse os datos de temporalidade, precariedade dos contratos e cifras desemprego, así como a inexistencia ou ineficacia das políticas desenvolvidas por parte dos gobernos do PP e do PSOE para pórlles freo. De aí que os lugares escollidos para realizar as concentracións sexan edificios vinculados ao goberno español, á Xunta de Galiza ou ao propio Servizo Público de Emprego.
Por outra banda, na propaganda elaborada pola CIG-Mocidade para chamar á participación na folga xeral, faise unha alusión á repercusión que a reforma do sistema público de pensións vai ter sobre o conxunto das mozas e dos mozos, que imporá o goberno español, alongando a idade de xubilación e dificultando, aínda máis, a incorporación da mocidade ao mundo laboral (xa de por si precario) e, por extensión, a unhas pensións dignas.
Horarios das concentracións:
- A Coruña: ás 20:00 horas diante da Delegación do goberno en A Coruña (Praza de Ourense, 11).
- Ferrol: ás 20:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza (Praza Amada García s/n).
- Ourense: ás 19:30 horas diante do edificio da Xunta de Galiza (Avda. da Habana, 79).
- Pontevedra: ás 20:00 horas diante da Subdelegación do Goberno (Praza de España s/n).
- Compostela: ás 11:00 horas diante da oficina do servizo público de emprego da rúa Ramón Piñeiro, 7.
- Lugo-A Mariña: ás 11:00 horas diante da oficina do servizo público de emprego da rúa Río Cabe, 8-10.