Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 18/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Centos de sindicalistas e delegados/as mobilízanse contra a persecución sindical e en apoio a dous compañeiros de Servizos

En ambos os dous casos pretendíase un castigo exemplarizante pola súa actividade en defensa da clase traballadora e ter participado nunha xornada de folga
Centos de sindicalistas e delegados/as da CIG concentráronse esta mañá nos xulgados da Coruña e Pontevedra, coincidindo coa celebración dos xuízos contra dous compañeiros da Federación de Servizos: Adolfo Naya e Marcos Cadórniga. Baixo a consigna “Defendérmonos como clase é un dereito, non un delito”, a central nacionalista pretende denunciar a represión policial e xudicial que sofren moitos e moitas militantes pola súa actividade sindical. A pesar desta situación, a CIG continuará á fronte da contestación social e da mobilización na defensa da clase obreira.

O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na concentración da Coruña, cualificou de “auténtico disparate” ás peticións de condena que fai a fiscalía para estes dous compañeiros. En concreto, o Ministerio Fiscal pide para Naya unha pena de catro anos de prisión por un “delito contra o dereito dos traballadores”, por ter participado na folga de instalacións deportivas desenvolvida  entre os anos 2009 e 2010 e unha multa de 3.800 euros de multa.

Para Seixo, situacións como estas deixan ver ás claras a existencia duns sectores “que teñen animadversión contra todo o relacionado co movemento sindical e sempre que teñen a oportunidade queren impor castigos exemplares”.  Ademais, criticou a “diferente vara de medir” á hora de aplicar as leis, pois o Código Penal aplícase cun rigor excesivo naqueles casos relacionados co movemento obreiro, mais pola contra cando por parte da patronal se vulneran os dereitos dos traballadores e as traballadoras de xeito reiterado non se actúa coa mesma premura.

“Estamos ante un exemplo moi claro de como se están a utilizar certos estamentos do estado, neste caso a Fiscalía, para atacar todo o relacionado co movemento obreiro mentres a patronal e o capital cometen todo tipo de fraudes”, denunciou Seixo. Para o Secretario Xeral, estas actuacións reflicten o sentido de clase que teñen os responsábeis políticos: gobérnase a favor dos máis fortes e en prexuízo dos máis débiles.

Sobre esta cuestión, advertiu que, no actual contexto no que se pretende culpabilizar da crise á clase traballadora, tamén se intentará utilizar a lexislación para frear calquera resposta ás políticas contra a maioría social que están a aplicar o poder económico e político”. Por iso, o Secretario Xeral da CIG non dubidou en afirmar que “camiñamos cara a unha sociedade cada vez máis antidemocrática na que as institucións políticas defenden claramente os intereses dos poderosos”.

Diante deste escenario, a CIG continuará á fronte da contestación social e mobilizándose na defensa da clase obreira, aínda sendo conscientes de que “quen se poña á fronte da contestación social sufrirá a represión dos aparatos do estado”.

Acordo previo en Pontevedra

No caso de Marcos Cadórniga, membro de executiva comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, o xuízo non se chegou a celebrar despois de que as partes acadasen un acordo previo, polo que se condena á Cadórniga a pagar unha multa durante 16 meses a razón de 6 euros diarios ou de un día de privación de liberdade por cada dous días nos que non se abone esta contía.

Máis de 300 persoas trasladáronlle ao acusado a súa solidariedade ás portas dos xulgados da Parda, onde se despregou unha faixa co lema “Defendérmonos como clase é un dereito, non un delito”. Ao mesmo tempo, levouse a cabo unha solta simbólica de globos dos que penduraba unha cadea.

O secretario nacional da CIG-Servizos, que estivo presente na concentración de apoio de Pontevedra, valorou o acordo consciente de que “dentro das posibilidades legais que tiñamos é unha boa saída, tendo en conta que o ordenamento xurídico español tipifica como delito o que non é outra cousa que actividade sindical en defensa dos intereses da clase traballadora”.

Neste senso, criticou a actitude da xudicatura, das forzas policiais e dos subdelegados do Goberno español, aos que acusou de perseguir os militantes da CIG pola súa conciencia combativa. “Mentres os responsábeis da crise económica continúan a vivir con total impunidade vemos como se persegue a sindicalistas”, censurou.

Galería de imaxes

Accede pinchando aquí a un vídeo da concentración da Coruña.

cig.prensa@galizacig.com