Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 18/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Xunta de Galiza prevé para os orzamentos de 2012 seguir reducindo o salario do profesorado

O recorte orzamentario en persoal suporá unha redución de 600 profesores/as
O goberno galego, segundo se recolle no capítulo I do Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2012, pretende continuar coa redución salarial do profesorado, que se concreta, aproximadamente, nunha media do 7% das retribucións e nun 30% nas pagas extra. Redución que xa se vén aplicando, no primeiro caso, desde o mes de xuño de 2010 e, no segundo, desde decembro deste mesmo ano.

Estas reducións implican que nos exercicios orzamentarios dos dous últimos anos, tendo en conta o recorte salarial aplicado e a suba do IPC, que foi dun 2,2 no ano 2010, cunha acumulación do 3,4 no que vai de 2012, o profesorado viu minguado o seu poder adquisitivo en arredor de 15 puntos.

O goberno galego prevé para os orzamentos de 2012 unha redución de 23.377.400 euros, no referido ao persoal dependente da consellaría de Educación. Isto vai implicar unha redución de aproximadamente 600 profesores e profesoras menos.  

Se isto era pouco, a proposta contempla que a taxa de reposición de efectivos sexa unicamente do 10%, é dicir, no mellor dos casos, a oferta pública limitarase a cubrir unicamente 10 de cada 100 vacantes que se produzan no ensino. Esta proposta é aínda máis restritiva que a aplicada nos orzamentos de 2011, na cal a taxa de reposición no ensino limitábase ao 30%.

Así mesmo, nada se contempla para dotar os centros públicos de Infantil e Primaria de persoal administrativo.

A CIG-Ensino considera que este proxecto de orzamentos, en materia de persoal, vai supor destruír emprego no canto de crealo e vai imposibilitar a oferta de emprego público, o que comportará unha peor calidade do ensino, menos profesorado nos centros e que o alumnado estea peor atendido.

A CIG-Ensino non vai aceptar estes orzamentos antisociais e fai un chamamento ao profesorado para que participe nas concentracións previstas para hoxe en contra dos recortes no ensino público e no referendo convocado para o día 25 entre todo o profesorado.

cig.prensa@galizacig.com