Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 18/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG formará parte da comisión de seguimento para a execución do Fondo Estatal de Inversión Local

O Secretario Xeral da central nacionalista defende a necesidade de manter un control sobre o uso dos recursos públicos
A CIG vai participar na creación das comisións de seguimento e control para a execución do Fondo Estatal de Inversión Local (FEIL) 2010, na que tamén estarán representados a administración e a patronal. Así se acordou na reunión mantida na mañá deste mércores entre o Delegado do Goberno, Antón Louro, e os secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT, na que se informou da aplicación das novas partidas destinadas a desenvolver proxectos dende o ámbito local.

O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, amosou o interese da central en participar nas comisións de seguimento e control da execución do Fondo (crearase unha a nivel galego e outra por cada provincia), xa que dito Fondo manexa un importante volume de recursos públicos. “A CIG ten interese en coñecer o destino e o uso destes recursos, saber se realmente serven para promover o tecido produtivo nos concellos, controlar o tipo de contratación que se fai, etc”, indicou.

O FEIL 2010 contempla unha partida orzamentaria de 301 millóns de euros destinados a Galiza, que se veñen sumar aos 491 millóns do coñecido como Plan E, aínda que desta volta as contías tamén servirán para desenvolver proxectos de carácter tecnolóxico e medioambiental, e cubrir gastos correntes dos concellos.

Necesidade de apoio ao tecido produtivo

Durante a xuntanza, o delegado do Goberno tamén expuxo aos secretarios das organizacións sindicais “as bondades” dos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano. A este respecto, Seixo valorou que os mesmos non están adaptados a situación de crise económica profunda na que estamos inmersos e criticou o recorte das partidas dedicadas a investimento produtivo, especialmente na Galiza, onde se reduciu un 6% o investimento por habitante, en comparación co exercicio anterior. “Tendo en conta a caída do capital privado neste momento, resulta difícil comprender que non se aposte por incrementar o investimento público para dinamizar a economía”, apuntou.

O secretario xeral da CIG tamén foi moi crítico coa política fiscal do Estado, que incide sobre os impostos indirectos, e avogou por implantar unha fiscalidade de carácter progresivo e de esquerdas, subindo os impostos ao capital, recuperando as taxas de patrimonio e sucesións e mesmo subindo os tipos máximos do IRPF ás rendas máis altas.

Interese por eliminar o poder das Autonomías sobre as caixas

Durante a comparecencia para os medios tras da reunión, Suso Seixo amosou a preocupación da central nacionalista na cuestión do futuro das caixas de aforros, cuxo tratamento está “transparentando a idea que o capital ten para a saída da crise”. Ademais, defendeu un debate sobre a fusión baseado en datos reais sobre a situación de cada entidade e, a partir de aí, analizar se a viabilidade de cada unha delas se pode dar por separado ou ben precisan de recorrer á unha integración. Sobre esta posibilidade última, puntualizou que se terá que realizar un rigoroso control a respecto da repercusión sobre os postos de traballo.

O secretario xeral da CIG apuntou que a xestión e o tratamento dado até o momento no debate das caixas demostra que “quen segue ordenando é o capital financeiro”. “Detrás das medidas adoptadas hai un interese por quitar as caixas do ámbito de decisión política das Autonomías e preparar as entidades para unha futura privatización”, alertou.

Seixo aclarou que para Galiza sería altamente prexudicial a desaparición das caixas, así como que estas deberían estar cumprindo un papel importante na dinamización do tecido produtivo. “É fundamental garantir que as caixas terán un carácter público e social e que o seu control se exerza dende o noso País”, afirmou.

Para o secretario xeral situacións de crise como a actual amosan ás claras a necesidade de contar cunha banca pública forte, capaz de apoiar a economía produtiva, fronte a unha banca privada que “especulou cos recursos e fomentou este modelo de especulación que nos ten levado a situación actual”.

cig.prensa@galizacig.com