O proxecto de revisión da Directiva que fora aprobado pola Comisión Europea (equivalente ao Consello de Ministros da UE) en xuño do 2008 e apoiada por varios Gobernos europeos, pretendía mudar substancialmente o contido da actual Directiva que data de 1993 e fixa o máximo semanal en 48 horas, incluíndo as extraordinarias, en concordancia coa Convención nº1 da Organización do Traballo adoptada no ano 1919.
A revisión proposta, no canto de camiñar na vía da redución horaria semanal xa vixente en moitos países europeos, pretendía unha forte ampliación separándose aínda máis das 40 horas case xeralmente recoñecido.
O incremento do horario semanal, que implicaba xornadas semanais de 60/65 horas e de 75 horas en determinados casos, facíase por varias vías:
1.-Por “acordo individual” entre traballador e empresario segundo o cal non lle sería aplicábel ao asalariado a lexislación nacional referida ao tempo máximo de traballo nin o que dispuxese ao respecto o convenio colectivo.
2.-Mediante a “anualización do cómputo das horas de traballo”, eliminando os topes semanais e mesmo diarios que puidesen existir na lexislación laboral estendendo o período de referencia para o cálculo da duración semanal media de traballo (48h) desde os catro meses que contempla a actual directiva ate o ano completo.
3.-Pola vía de “non considerar como tempo de traballo as horas de garda inactivas”, aínda que se realizasen no local de traballo e houbera que estar dispoñíbel en todo momento.
Ausencia das organizacións nórdicas
Na manifestación, pouco concorrida en comparación con euromanifestacións realizadas en anteriores ocasións, participaron centrais sindicais do centro, sur e leste de Europa, faltando á cita, como habitualmente, as organizacións nórdicas. Chifres, carracas e mesmo un grupo musical actuando desde unha furgoneta, deron son a unha marcha de dous quilómetros polas rúas da cidade.
A decisión do Europarlamento, tomada por unha amplísima maioría dos seus membros (no día seguinte á manifestación) non elimina a proposta de revisión senón que dá un prazo de 90 días para renegociala entre a Comisión e o Parlamento. Se o prazo rematase sen acordo, o texto quedaría definitivamente rexeitado.