Os traballadores e as traballadoras de SamyL, Linorsa e Valoriza trasladaron as protestas que veñen desenvolvendo dende hai quince días até as instalacións do Hospital Abente y Lago, onde se supuña que a titular da Consellaría de Sanidade ía participar nun acto, aínda que finalmente o persoal non lle puido trasladar directamente as súas demandas.
Dende a CIG-Servizos advertiron que van continuar coas protestas até que as empresas concesionarias dos servizos de limpeza dos centros do CHUAC se comprometan a cumprir os convenio colectivos, nos que se recolle a equiparación ao persoal do Grupo E do Sergas, e que poñen fin á discriminación laboral e salarial que durante máis de 12 anos padeceron estes traballadores/as. De feito, o vindeiro luns retomarán as concentracións diante da Xerencia do Complexo Hospitalario.
Os traballadores/as pregúntanse a onde foron as pagar os cartos que o Sergas pagou as empresas concesionarias do servizo para amortizar as melloras recollidas nos convenios, contías económicas que non se viron repercutidas nas nóminas do persoal. Por este motivo, a CIG-Servizos reclama aos responsábeis do Complexo que esixan a Linorsa, Valoriza e SamyL que cumpran coas condicións pactadas na contrata.
De igual xeito, durante a protesta criticouse a sanción imposta a unha traballadora (suspendida dous meses de emprego e soldo) que solicitara un permiso retribuído e esixiuse a retirada inmediata de dita sanción.
Demanda do cumprimento dos acordos asinados
De igual xeito, traballadores/as do hospital despregaron unha pancarta da plataforma sanitaria unitaria, en demanda do cumprimento dos acordos asinados entre a Consellaría e as organizacións sindicais, que a administración decidiu suspender.