Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 18/2/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Vista xeral da asemblea.

“O Banco de España non cumpriu o seu papel e o sistema financeiro comeza a ter problemas máis que serios”

Asemblea Nacional da CIG no sector financeiro
Así de categóricas foron as conclusións da Asemblea Nacional de delegados e delegadas da CIG nas Entidades financeiras, celebrada o 18 de febreiro en Compostela. Neste acto analizouse polo miúdo a difícil situación laboral e económica das Entidades financeiras de cara a dar resposta sindical á precarización e destrución de emprego, e cara á elaboración de propostas para a reforma do sistema.
Os membros da Executiva nacional da Federación de Banca da CIG Sefi Romero, Clodomiro Montero (Secretario Nacional), Serafín Otero e Pilar Cebreiro. 

Ante a situación de crise do sistema financeiro internacional e as repercusións para a economía real, a Federación de Banca da CIG decidiu convocar unha asemblea do sector para analizar a situación do sistema financeiro galego e do Estado, así como as repercusións laborais da mesma. “O traballo no seo das Seccións Sindicais permite un perfecto coñecemento da realidade das empresas, pero non permite unha visión en conxunto do sector”, apuntan dende a Federación.

A asemblea comezou coa exposición dun estudo sobre a solvencia do sistema financeiro do Estado español e o papel do Banco de España. Durante a súa exposición, o Secretario da Federación, Clodomiro Montero, foi debullando as normativas europeas que regularon a liberalización absoluta do sector financeiro, ao abeiro do propio tratado da Unión Europea que consagra a libre circulación de capitais.

Criticouse a auto-regulación defendida permanentemente polo Banco de España, polo Ministerio de Economía e pola Consellería de Economía. “Para a CIG, nesta pretendida auto-regulación está a orixe da actual crise”, afirmou Montero.

Dificultades das entidades

Por outra banda abordáronse as serias dificultades que atravesan as Entidades financeiras, que se agravarán ao longo deste ano 2009. Na súa exposición o Secretario da Federación explicou que “as entidades de creto do Estado eran tomadoras no mercado financeiro internacional, co fin de obter recursos para a súa expansión (internacional no caso da Banca e fóra dos territorios de orixe no caso das Caixas de Aforros) e para manter e alimentar a burbulla inmobiliaria. Dado que eran tomadoras neste mercado, a priori estiveron menos expostas que as Entidades do resto de Europa aos produtos tóxicos da banca de inversión dos EEUU, as famosas hipotecas subprime, ou incluso ás estafas piramidais, situación que pouco ou nada ten que ver coa actuación do Banco de España. Sen ir máis lonxe, na estafa de “Madoff”, as Entidades aparentemente non se viron afectadas pola estafa piramidal, pero si a súa clientela; onde estaba o Banco de España?”.

No estudo destácase que “a ameaza á solvencia das Entidades financeiras continúa, xa que están especialmente expostas ao estoupido da burbulla do sector inmobiliario: no ano 2007 a exposición media era dun 60%, un 70% no caso das Caixas e dun 50% no caso da Banca, feito sobre o que teñen alertado nos seus informes as distintas Axencias Internacionais de cualificación. Esta elevada exposición ao sector inmobiliario, a sobre-valoración dos bens hipotecados (as taxacións eran realizadas por empresas das propia Entidades sen ningún control), e o posible medre da morosidade derivada do incremento do paro, son hoxe unha ameaza máis que real á solvencia de Bancos e especialmente das Caixas de Aforros".

Montero continúa, "esta tese é agora recoñecida incluso polas propias empresas; na publicación de xaneiro 2009 dos 'Cuadernos de Información Económica', da Funcas (Fundación das Caixas de Aforros), estas recoñecen que os problemas no sector da construción teñen un tempo de maduración maior e tardan máis en aflorar que as perdas de capital asociadas a instrumentos financeiros, polo que a crise financeira chegará ao Estado de xeito máis espazado".

Intervencións dos delegados/as

Posteriormente houbo numerosas intervencións de delegados e delegadas analizando a situación laboral e económica nas distintas empresas, así como no sector financeiro en xeral. Criticouse duramente tamén as desmedidas subas salariais das cúpulas directivas das Entidades que están recibindo liquidez das poxas de activos do Estado. Así mesmo, criticouse que o Goberno estea dando axudas as Entidades financeiras sen garantir o nivel de emprego, actitude que contrasta coa mensaxe enviada ao sector da Automoción. Por último, destacouse a necesidade de fortalecer o sindicalismo nacionalista e de clase no sector financeiro, para facer fronte ás incertezas e ameazas que ten que encarar o sector financeiro, e ás máis que previsibles graves repercusións sobre o emprego.

cig.prensa@galizacig.com