Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 18/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración diante da tenda de Francisco Parada en A Coruña para esixir o pagamento dos atrasos salariais

As protestas continuarán nos vindeiros días
Os traballadores e traballadoras de Francisco Parada, empresa dedicada a comercialización e instalación de materiais de alta gama para cuartos de baños, iniciaron esta mañá un calendario de mobilizacións para reclamar o pagamento dos atrasos salariais que o empresario adebeda a boa parte do cadro de persoal. As protestas continuarán até que o propietario abone todas as contías atrasadas.

Unha ducia de traballadores/as dos estabelecementos da empresa Francisco Parada, dedicada á comercialización e instalación de materiais de gama alta para cuartos de baño e piscinas,  levan seis meses sen cobrar os seus salarios e atópase coa continúa negativa do empresario a rescindir os seus contratos, para así poder buscar un novo traballo. Tal é a situación que unha boa parte do cadro de persoal tivo que solicitar xudicialmente a rescisión do seu contrato diante da negativa do empresario a despedilos/as ou a presentar unha regulación de emprego.

Diante desta situación, traballadores/as e delegados/as da CIG levaron a cabo na mañá deste xoves a primeira das mobilizacións en demanda do pagamento dos salarios que o empresario adebeda. A protesta, que se desenvolveu diante das portas dun dos estabelecementos de Francisco Parada en A Coruña, terá continuidade nos vindeiros días até que o empresario faga fronte ás súas responsabilidades.

A empresa, que conta con estabelecementos en A Coruña e Vigo, atópase nunha situación de quebra e os impagos afectan non só aos operarios/as, senón tamén aos provedores e mesmo aos clientes, pois, segundo informan dende a CIG-Servizos, xa se teñen rexistrado casos de clientes que adiantan unha parte do custo do material e obras contratadas aínda que logo os traballos non se chegan a realizar nunca.

cig.prensa@galizacig.com