O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e o Secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña abordaron durante a asemblea de delegados e delegadas que se levou a cabo na mañá deste venres as consecuencias que vai ter para a clase traballadora a efectivización das propostas de reforma laboral e da seguridade social anunciadas polo goberno estatal, así como denunciaron, unha vez máis, o pacto de contención salarial asinado en Madrid polas centrais sindicais CCOO e UGT e a patronal. Fronte a esta perspectiva presentaron as alternativas que a CIG vén manexando dende que comezou a crise.
Seixo criticou os intentos por parte do poder político e económico de recortar os nosos dereitos en materia de pensións ou de salarios “mentres deixan que tranquilamente o capital financeiro siga especulando e fomentando un tipo de economía que favorece o lucro e o interese desa oligarquía financeira que se aproveita do noso esforzo e traballo”. Neste marco, denunciou a colaboración que está a recibir o poder por parte das dúas organizacións sindicais estatais e manifestou que “a CIG non vai baixar a cabeza baixo ningún concepto e permitir que unha vez máis se pretenda, por parte do poder, que quen pague a crise económica sexa precisamente a clase traballadora, que non ten ningunha responsabilidade nesta situación”.
A reforma da Seguridade Social
O Secretario Xeral referiuse tamén ás mudanzas propostas dende o goberno a respecto do sistema de pensións. “Esta cantinela permanente de que a Seguridade Social pode quebrar se non se fan reformas importantes véñena repetindo dende os anos 50 e non só non quebrou senón que está nun nivel importante de superávit. Polo tanto o que hai que estudar son outro tipo de reformas”, afirmou Seixo. Nese senso, aclarou, a CIG está sendo crítica coa política que se está seguindo na proposta da reforma laboral, porque novamente se aposta pola vía de abaratar o despedimento, respondendo así a unha demanda permanente da patronal.
A isto vénselle sumar o pacto de contención salarial asinado por CCOO, UGT e a patronal, medida difícil de entender nunha situación de crise económica na que había que tender a incrementar os salarios, recuperar poder adquisitivo para fomentar o consumo e a recuperación da produción. No canto disto, recórrese á política de sempre: perda de salario baixo a xustificación de que esta medida vai achegar recursos e beneficios ás empresas para investir na creación de postos de traballo. “Nós sabemos que iso non é así, porque non hai maneira de controlalo e, porque a experiencia demostra que non é certo. O que estiveron facendo as empresas durante estes anos foi dedicar unha parte moi importante dos beneficios a investir nos circuítos financeiros e especular con eles, en vez de destinar os beneficios a recuperar a estrutura produtiva das empresas”, explicou.
Necesidade de medidas de control
A este respecto, Seixo aseverou que estamos diante “dunha política totalmente absurda” que vai claramente en contra dos intereses da clase traballadora, mentres continúan sen se adoptar políticas “para atacar os males” que nos levaron a esta crise económica: medidas de control dos mercados financeiros, control e eliminación dos paraísos fiscais, persecución da fraude fiscal, unha reforma do sistema impositivo para facelo máis progresivo, etc. “Todo isto non se fai e aquí ponse de novo a problemática nos supostos altos salarios e nas supostas rixideces do mercado laboral. Queremos denunciar esta política de culpabilizar á clase traballadora en lugar de adoptar medidas contra o capital financeiro que é o verdadeiro culpábel desta situación”, aseverou.
O exemplo de Lugo
O Secretario Comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, explicou que na asemblea analizáronse os temas de actualidade que están a incidir nas condicións de traballo da clase obreira, especialmente as consecuencias derivadas da reforma laboral e de pensións, así como os efectos do acordo de contención salarial. Ferreiro denunciou que calquera destas tres cuestión supoñen un grave atentado contra os dereitos adquiridos da clase traballadora equiparábel a “se agora nos viñesen quitar conquistas tan importantes como a xornada de 48 horas ou o mes de vacacións”. “Temos que combater estes ataques a través das mobilizacións e a partir de agora imos iniciar unha intensa campaña de mobilizacións para tentar reverter este tipo de políticas”, advertiu.
A respecto do pacto de contención salarial, Ferreiro apuntou que durante a asemblea abordaron como mellor argumento para combater este acordo o feito de que se a crise se combatese con salarios baixos, “en Lugo levábamos a palma. Se os salarios baixos resolvesen a crise, en Lugo xa deberiamos tela superada porque soldos máis baixos non é posíbel ter. A solución é a contraria”.
En canto á situación que atravesa a provincia, o secretario comarcal salientou que en Lugo, dada a depresión económica e a falta de tecido produtivo, as crises tardan máis en notarse, pero son máis profundas que no resto do País. Este feito, indicou, pódese ver non só nos datos do desemprego, que nos últimos meses de 2009 incrementou máis que no conxunto de Galiza, senón que incluso os salarios medraron menos que no resto do País. “Polo que aquí estamos vivindo con máis intensidade a crise e as solucións preséntanse máis complicadas dada esa falta de tecido produtivo e de dinamización dos sectores, que están totalmente infraexplotados”.
Continúan as mobilizacións
Tanto Seixo como Ferreiro adiantaron que a CIG vai proseguir coas mobilizacións nos vindeiros días, co obxecto de rematar esta primeira etapa de protestas con grandes mobilizacións o vindeiro 10 de Marzo, día da Clase Obreira Galega, en todas as comarcas de Galiza. Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña salientou que está prevista para ese día unha xornada de negociación colectiva para debater a estratexia sindical na provincia que estará seguida dunha manifestación aberta á toda a cidadanía.