OP+ é unha empresa creada por BBVA, presente en varios países, cuxa sede no territorio español atópase nunha nave industrial en Málaga.
OP+ traballa en exclusiva para o grupo BBVA realizando labores administrativas de banca, para o que primeiro reduce persoal de banca en BBVA mediante prexubilacións ou baixas incentivadas e logo contrata persoal máis barato.
Perda de postos de traballo
Polo de agora perdéronse 3.000 postos de traballo no Estado e 200 en Galiza, e se calcula que se poderían perder ata 8.000, 400 deles na Galiza.
No caso de OP+ Málaga, o persoal alí contratado se rexe polo Convenio de Oficinas e Despachos da provincia, cunhas condicións moito peores que as do persoal de BBVA.
Adhesión á demanda da CGT
A Sección Sindical da CIG en BBVA adheriuse á demanda presentada por CGT reivindicando o dereito dos traballadores e traballadoras de OP+ a formar parte do cadro de persoal de BBVA ou subsidiariamente, que lles sexa de aplicación o Convenio de Banca.
No xuízo, celebrado o pasado día 15 de marzo, tanto a CIG como a CGT aportaron proba documental e testifical na que se pode apreciar como OP+ funciona como empresa interposta de BBVA co único fin de aforrar custes laborais.
As probas documentais aportadas foron apoiadas por testemuñas como a do delegado sindical e traballador do BBVA, Luciano Luxilde.
En espera de Sentenza
Co silencio cómplice das Seccións Sindicais de CCOO e UGT en BBVA como telón de fondo (xa que estando citadas non compareceron), o xuízo quedou visto para Sentenza.
Independentemente de cal sexa o resultado do xuízo, a Sección Sindical de CIG vai seguir loitando contra a destrución de postos de traballo en BBVA e contra a contratación de persoas en condicións de precariedade laboral mediante empresas interpostas ou calquera outro truco que se lles ocorra, sexa nos Xulgados, na rúa ou onde sexa preciso.