Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 18/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A tubería na que se produciu a avaría.
Regueiro de auga que caía polo lateral do edificio, procedente das filtracións do oitavo andar.

CIG-Administración denuncia a falta de coordinación e información durante a inundación do edificio Proa

A avaría no sistema de refrixeración deixou patente as numerosas deficiencias en materia de seguridade
A CIG-Administración vén de denunciar a falta de coordinación e información aos traballadores e traballadoras das oficinas da administración en Matogrande, quen esta mañá se atoparon co oitavo andar do edificio Proa inundado, os ascensores inutilizados e as escaleiras de acceso anegadas de auga, logo de que un cano do sistema de refrixeración rebentase.
Achicando auga no oitavo andar.

No edificio, alén doutras empresas, convive persoal adscrito á Consellaría de Traballo e Benestar, Presidencia e Xustiza e a avaría veu demostrar a falta de coordinación existente entre os distintos departamentos da administración, pois mentres dende Presidencia se deu instrución para que os traballadores/as abandonases o edificio e se suspenderon os xuízos previstos, o Xefe Territorial de Traballo abandonou a delegación a primeira hora da mañá sen comunicar ao seu persoal as instrucións a seguir diante da situación caótica na que se atopaba o edificio.

Neste senso, hai que destacar que o cableado de ordenadores e impresoras e os enchufes dos distintos andares están situados a ras do chan, polo que calquera contacto coa auga podería ter producido un curtocircuíto, coas graves consecuencias que isto supón. A inundación deixou, ademais, inoperativos os ascensores e inundadas as escaleiras de acceso aos andares, polo que moitos traballadores/as tiveron que subir aos seus postos polas escaleiras de emerxencias.

A maiores, o responsábel de persoal de Traballo non achegou información sobre a situación na que se atopaba o edificio nin instrucións claras a respecto de se os traballadores/as tiñan que se presentar no seu posto habitual, polo que gran parte dos/as empregados/as permaneceron dende as oito da mañá no vestíbulo do edificio á espera de novas, incrementándose así o seu nerviosismo. Entrementres, os/as cidadáns que se achegaron até a administración ían accedendo aos diferentes servizos sen que ninguén lles explicase a situación, chegando mesmo até o oitavo andar onde os operarios estaban achicando auga e tentado arranxar a avaría.

Finalmente, preto das doce do mediodía, alguén informou que o responsábel de persoal permitía aos traballadores/as abandonar o edificio, máis negándose a presentar esta decisión por escrito.

Falta de actuacións coordinadas

O incidente tamén permitiu comprobar as numerosas carencias do edificio Proa en materia de seguridade, pois a construción non está debidamente sinalizada nin conta cun informe positivo sobre evacuación en caso de emerxencia. Sinalar tamén que a gran cantidade de auga que anegou o oitavo andar filtrouse polo lateral acristalado do edificio e discorría polas paredes exteriores creando unha pingueira continuada perfectamente visíbel.

Dende a CIG-Administración solicítase que casos como este non se volvan repetir e que se estabelezan protocolos de actuación diante de situacións de emerxencias, coordinados entre os distintos departamentos da Xunta. De igual xeito, a CIG reclama o estabelecemento de criterios comúns de actuación en todo o edificio, pois diante dunha avaría que pon en perigo a seguridade do conxunto dos/as traballadores/as, tamén se deu o caso de empresas que como Eurocen, obrigaron ao todo o persoal a presentarse no seu posto de traballo.

cig.prensa@galizacig.com