Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 18/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración en Compostela en demanda da readmisión de Nélida Pisco

Hedegasa (Autobuses de Calo) despediuna tras solicitar a redución de xornada para coidar da súa filla, dereito recoñecido pola Lei de Igualdade
Delegados e delegadas da CIG de Compostela concentráronse esta mañá na parada de Autobuses de Calo para exixir a readmisión da condutora Nélida Pisco. Durante a concentración repartíronse panfletos nos que se informaba a traballadores/as e usuarios/as sobre as causas que provocaron o despedimento desta traballadora, que non son outros que solicitar unha redución de xornada, dereito recoñecido por Lei, para poder coidar da súa filla. Antes da concentración tamén se fixo un reparto polas paradas de autobuses do Milladoiro.

A CIG denuncia que HEDEGASA (Autobuses de Calo), despediu a Nélida Pisco tras sufrir case un ano de acoso laboral, polo grave delicto de ser nai e querer compatibilizar o seu traballo co coidado da súa filla.

Un ano no que tras negarse a abandonar “voluntariamente” o seu traballo foi vítima de discriminación laboral, presións inxustificábeis e represalias de todo tipo. Tivo que exixir nos xulgados a redución de xornada á que lle dá dereito a lei. Unha sentenza que a empresa nunca acatou manténdoa sen traballo efectivo e obrigándoa a permanecer no seu coche particular durante toda a xornada laboral, para derrotala animicamente.

Para a CIG é inxustificábel que non se garanta, desde as administracións o cumprimento efectivo da Lei de Igualdade e aínda máis inxustificábel que desde a Xunta de Galiza non se atenda a un caso desta gravidade. Por iso, denuncia que hai máis de un mes que se solicitou unha reuión coa administración para explicar a situación desta empresa que traballa para o transporte escolar en Teo e Ames por un convenio coa consellaría de Educación.

A CIG anuncia que nos próximos días continuarán as mobilizacións de apoio á traballadora despedida e en demanda da súa inmediata readmisión. Mobilizacións que rematarán cunha convocatoria de folga para todo o servizo.

cig.prensa@galizacig.com