marco
A Coruña, 18/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: lingua :

Grande éxito da manifestación a prol da lingua galega

Foi convocada pola MNL e apoiada por 600 entidades
Sen dúbida foi a maior mobilización realizada ate hoxe a prol da lingua galega, xa que acudiron entre 40.00 e 50.000 persoas chegadas de todos os recunchos do país. O acto contou co apoio de 600 organizacións e asociacións de todo tipo, entre as cales estaba a CIG (que levaba varias pancartas e bandeiras). A praza da Quintana encheuse dúas veces, aínda que non foron poucos os participantes (algúns acompañados de nenos e nenas ) que despois de varias horas de marcha (lenta pola morea de xente), e cun tempo chuvioso e frío, optaron por se marchar sen entrar na praza.

Para dar unha idea ao lector, coa praza ateigada de xente, amoreada, aínda a cola estaba a un quilometro (estas apreciacións son necesarias porque as manipulacións, que aumentan a participación nuns actos e mingúan outros, son algo normal nos grandes medios de información)

Entre as consignas que máis se berraron estiveron aquelas que repudiaban a postura do novo goberno a respecto do noso idioma, tanto en relación á súa non utilización por parte de varios conselleiros e conselleiras, como ás declaracións ofensivas a respecto da nosa lingua nacional. Aínda que sen dúbida a consigna máis insistente foi a de "Pola nosa lingua, ningún paso atrás".

Ao final da manifestación, na praza da Quintana de Santiago de Compostela, dirixiu unhas palabras do presidente da Mesa, Carlos Callón, nas que fixo referencia ás actitudes e declaracións contra a normalización da lingua galega por parte o goberno do Partido Popular, que foron coreadas por consignas a prol do galego por un público emocionado. A continuación leuse o manifesto por parte das escritoras Iolanda Castaño e Teresa Moure, do xurista Nemésio Barxa, e do galeguista histórico Avelino Pousa Antelo, que milita no nacionalismo desde os anos trinta do século pasado. Previamente cantou unha canción Mercedes Peón. Ao remate cantouse o himno galego.

O manifesto xa foi asinado por máis de 20.000 persoas; pediuse que se sigan recollendo sinaturas para que teña o respaldo de todos os que alí estaban e dos que querendo vir non puideron facelo por algún motivo (está na páxina web da Mesa pola Normalización Linguistica, e hai follas nos locais da CIG).

Esta foi unha mobilización importante, que marca un fito, e que o Partido Popular non poderá ignorar nen desprezar, porén tampouco todos aqueles que pretenden marxinar as sinais de identidade da nosa nación. Había nos organizadores e en todos os presentes satisfacción polo éxito da convocatoria, porén tamén paixón contida e desexo de poñer as cousas no seu sitio rematando dunha vez por todas con séculos de discriminación, terxiversación e engano.

Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego

 

INTRODUCION

 

Trinta persoas representativas de diferentes ámbitos da sociedade galega promoveron en xullo de 2008 este manifesto en defensa da igualdade de dereitos para o galego, para o cal se comezou un proceso de recollida de adhesións doutras persoas, entidades, etc.

Varios meses despois, este texto continúa a estar en vigor, máxime cando o PP anuncia a súa pretensión de desmantelar puntos básicos da oficialidade do galego, como a existencia de escolas infantís que impartan nesta lingua (as Galescolas), o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino en galego ou a lei que sinala que os nomes de lugar do noso país terán como forma oficial a galega. Estas medidas, ademais de suporen o perigo dunha confrontación indesexábel e dunha fractura social, van contra acordos unánimes do Parlamento e vulneran o espírito e a letra do artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos.

Nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de "imposición del gallego", presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira. Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o ensino, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación. Así mesmo, a Real Academia Galega vén de publicar un estudo sinalando que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que fala habitualmente en galego. Perante a necesidade de respostas por parte da sociedade galega, animamos a continuar na recollida de apoios a este manifesto e a participar nos actos de mobilización en defensa da nosa lingua, como a manifestación nacional convocada para o 17 de maio ás 12 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela.

 

MANIFESTO

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu. 2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país. Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.