Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 18/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Numerosas persoas, afiliadas e delegadas da CIG da comarca de Ferrol achegáronse até o Xulgado amosar a súa solidariedade co secretario comarcal de Ferrol.
O secretario comarcal da CIG, Xesús López Pintos, declarando diante dos medios de comunciación antes de entrar no xuízo.
Imaxe do interior da sala que, como nas anteriores sesións, ateigouse de persoas da CIG da comarca de Ferrol solidarias co secretario comarcal.
Á saída e remate do xuízo o secretario comarcal da CIG de Ferrol foi aplaudido e apoiado polos seus compañeiros e compañeiras.

Visto para sentenza o xuízo contra o secretario comarcal da CIG de Ferrol

Pintos reitera que non se arrepinte da súa actuación e a defensa subliña que se trata dunha “persecución sindical”
O xuízo que se segue contra o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, por supostamente agredir a un policía durante unha carga, quedou visto para sentenza na mañá do 18 de maio. A Fiscalía e a acusación particular manteñen as súas peticións de dous anos e medio e cinco anos de cárcere respectivamente, mentres que a defensa destacou que se trata dunha persecución contra Pintos e o sindicalismo que representa, pois, cando menos sorprende que estando presentes no conflito representantes de CCOO e UGT a acusación se limite ao representante da CIG.

A celebración da vista, a última das catro establecidas dentro do proceso xudicial que contra Pintos, estivo precedida novamente por unha concentración diante dos Xulgados do Penal de Ferrol na que participaron uns 200 afiliados/as e delegados/as da comarca, que trasladaron todo o seu apoio e solidariedade ao secretario comarcal.

Desta volta tocáballe a quenda ás testemuñas achegadas pola policía: unhas oito mulleres que apoiaban á presidenta da confraría de Mugardos naqueles intres, Oliva Bonome.

Posteriormente, a Fiscalía e o avogado da Xunta, como acusación particular, deron a coñecer as súas peticións, que se mantiveron inamovíbeis oito anos despois dos acontecementos xulgados: dous anos e medio por atentado reclama a Fiscalía e cinco anos e medio solicita a acusación particular.

Persecución sindical

Pola súa banda, a defensa do secretario comarcal da CIG subliñou que se trata dunha “persecución sindical”, xa que no conflito tamén participaron activamente sindicalistas de CCOO como de UGT, aínda que, curiosamente, só se lle imputan cargos ao responsábel da central nacionalista. A defensa tamén subliñou as numerosas contradición nas que incorreron os policías nas súas declaracións así como as testemuñas que presentaron.

Pintos indicou que o que máis lle sorprendeu foi que “a petición do Ministerio Fiscal, despois de tantos anos, segue sendo a mesma” e apuntou que en ningún momento tiveron en conta a denuncia exercida á súa vez por un grupo de mariscadoras contra os axentes, posto que máis de vinte delas, xunto co secretario da CIG de Ferrol, resultaron feridas durante a brutal carga policial que se viviu na praia da Barca de Mugardos o 18 de setembro de 2001.  

Alegato final de Pintos

Practicamente ao remate da vista, o secretario comarcal da CIG de Ferrol puido facer un alegato final no que subliñou que “non me arrepinto de nada”. Pintos sinalou que durante os feitos xulgados se atopaba no medio dunha acción sindical e que mentres “uns só buscan facerse ricos, eu defendo as clases populares”, lembrando que poucos días despois da suposta agresión o entón conselleiro de Pesca tivo que dimitir e o conflito quedou solucionado nunha semana. “Dende aquela a confraría de Mugardos é un exemplo de funcionamento democrático”, non volvéndose rexistrar ningunha clase de problemas, “por iso síntome orgulloso da miña labor; para min é un orgullo defender as clases populares”, aseverou.

As palabras de López Pintos arrincaron as bágoas das mariscadoras que o arrouparon durante todo o proceso e o aplauso unánime dos presentes.

Queda así visto para sentenza o xuízo, á espera do que dictamine o xuíz.

Novas relacionadas

cig.prensa@galizacig.com