Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 18/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Banca continúa coas mobilizacións en contra do peche de oficinas e a destrución de postos de traballo no BBVA

A sección sindical na entidade concentrouse diante da oficina de Lalín
A Sección Sindical da CIG no BBVA retomou as mobilizacións en protesta contra o proceso de reconversión e destrución de emprego que a entidade está levando a cabo e que significou o peche de 15 oficinas en Galiza e a perda de 140 postos de traballo dende xaneiro de 2008 ata marzo de 2009. A primeira destas accións tivo lugar o na mañá do xoves 18 de xuño diante da oficina de BBVA en Lalín.

Coa protesta quérese denunciar o agresivo Plan de reconversión que o BBVA vén desenvolvendo dende 2007, co obxectivo de abaratar custos e desfacerse de 8.000 traballadores/as en todo o Estado, 400 deles en Galiza. Esta reconversión afecta a todo o BBVA, coa externalización e subcontratación de cada vez máis servizos, coa deslocalización do traballo a outros países, co peche de oficinas, e novos modelos de redución de persoal, segundo BBVA, temporais.

Luciano Luxilde Fernández, Secretario en funcións da Sección Sindical de CIG en BBVA, sinalou que os delegados e delegadas estiveron repartindo durante a mañá octavelas entre os clientes do banco e os veciños/as explicando o proceso de destrución de emprego levado a cabo pola entidade. “O que pretendemos é facer visíbeis á cidadanía os problemas internos do banco”, indicou.

Dende a Federación de Banca e Aforro da CIG critican que a entidade e a súa cúpula están a repartirse os beneficios millonarios do BBVA, que nos últimos 15 meses obtivo 6.500 millóns de euros de beneficio, a pesar da crise. Así mesmo, as cantidades aprobadas na Xunta de Accionistas 2009 para repartir entre a cúpula directiva ascenden a 20 millóns de accións para os anos 2006 a 2008 e 60.5 millóns para o período 2009 e 2010. Mentres que o presidente da Entidade cobrou, en 2008, 5.3 millóns de euros de salario e 72.5 millóns de euros do plano de pensións.

Proceso continuado de deslocalización

A sección sindical explicou que algunhas das medidas adoptadas polo BBVA nos últimos tempos son:

1.- Dende xaneiro de 2008 ata marzo de 2009, van quince oficinas pechadas en Galiza con 140 empregos menos e trescentas no Estado español, con rebaixa de 2.170 postos de traballo. E van continuar os peches e a perda de emprego aínda que a rede galega xa fora minguada en anos anteriores a pesares de ser a máis rendíbel e produtiva do Estado.

2.- Parte do traballo que antes facía persoal do Banco, estase xestionando dende unha empresa radicada en Málaga, substituíndo persoal fixo con convenio de banca por persoal temporal con peores condicións laborais.

3.- Outra parte dende distintas empresas radicadas en Perú, Arxentina ou Chile nun claro proceso de deslocalización.

4.- Redución do actual persoal administrativo de atención en caixa e cobertura destes postos de natureza fixa con contratación de persoal de ETT.

5.- Baixas “voluntarias” na empresa, realizando unha oferta económica para que o persoal abandone o posto de traballo.

6.- Non consolidación de moitos dos contratados/as recentes, e non contratación de novos traballadores/as.

7.- Presións para que se acepten baixas, traslados ou outras modalidades de suspensión temporal de contrato.

“Ante esta grave situación, a CIG vai seguir coas mobilizacións para denunciar o proceso de reconversión do BBVA e impedir a destrución do emprego”, advírtese.

cig.prensa@galizacig.com