Que ninguen se esqueza da multitude que representa o sector do Metal e da súa importancia para Vigo e Pontevedra. Esa era a mensaxe que quedaba hoxe lanzada desde a posibilidade de volver percorrer as rúas cun cambio de horario na folga parcial que permitía concentrarse aos traballadores desde as once en adiante.
Marcha até Vulcano
Asi desde a zona de Barreras saía unha marcha importante de folguistas que percorrería Beiramar, até chegar ao cruce de Colón, desde onde xiraría á esquerda para dirixirse a Vulcano.
Este cambio de plans, diante dunha previsíbel asemblea na Praza do Concello á unha, debeuse a que nesta xornada un dos barcos de Vulcano saía de probas e ao outro se lle retiraba á pasarela, polo que moitos dos empregados deste estaleiro quedaban sen traballo. Diante desta situación todos os traballadores das auxiliares de Vulcano decidiron parar e solidarizarse con concentración ás portas do estaleiro.
Eran milleiros os traballadores que ocuparon o acceso ao estaleiro de Vulcano, e nese espazo aproveitouse para realizar unha asemblea e informar do que está a acontecer.
Críticas á criba do persoal
Antolín Alcántara, na asemblea celebrada no interior de Vulcano, indicou que "continuamos a apostar pola viabilidade de Vulcano porque forman parte deste sector e forman parte da historia desta cidade. O certo é que ao longo destes ultimos meses estiveron a pasar cousas que a nos non nos agradan e creo que non se podem consentir. Nos colaboramos até onde faga falta para sacar isto adiante pero hai cousas que son intolerábeis: non se pode facer unha criba selectiva co persoal con aqueles que lles parece que non deben continuar aqui para desactivar á resposta sindical e deixar á xente desorganizada, e iso non se pode facer. Asi que reclamamos que os que sairon volvan, e que ningún estaleiro pense que pode repetir a mesma xogada que Vulcano. Os delegados sindicais teñen que volver ao seu posto de traballo".
Sobre a situación que se viviu esta xornada no estaleiro, engadiu que "hai algo que nos parece infame e que non podemos tragalo, e viñemos até aqui porque se dicia que ía sair un barco facer as probas, pero o que non se pode facer é vir á hora que se viu ás catro e pico da mañá, entrar de noite, e a todos eses que viñeron de noite o único que lles podemos dicir é que non forman parte deste sector, que non os recoñecemos nin os queremos".
Ademais, "Vulcano sacou onte a pasarela por uns supostos motivos de seguridade, e en función de que eses traballadores que estaban nese barco non puideron traballar, o resto solidariamente decidiu parar. Estes traballadores permaneceron concentrados diante da porta agardando a que viñeramos. Por iso decidimos vir até aqui. Agora comunicaron que mañá volven á normalidade e que se volva traballar ao barco", rematou dicindo Alcántara, que animou aos milleiros de traballadores concentrados en Vulcano a que continuarán coa marcha até a Praza do Concello, onde agardaban o resto dos compañeiros do sector.
Marcha até a Praza do Concello
E iso foi o que aconteceu, de novo, baixo un sol de xustiza e rodeados dun tremendo despregue de antidisturbios unha maré de folguistas e cores de fundas e cascos encamiñaban os seus pasos até a Praza do Concello, onde chegaron pouco despois das dúas menos cuarto.
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, informou da presenza de escritores, historiadores e outras persoas que asinaron un manifesto de apoio ao Metal. Asi presentou á persoa que lle ía dar lectura a este texto, Camilo Nogueira, e lembrou que na pasada semana, na asemblea da folga xeral do sector, "falabamos da folga do 72, dos vellos loitadores na época da reconversión naval e das folgas do automóbil, e quen vai ler o comunicado é Camilo Nogueira, que foi un dos represaliados na folga do 72, e a el dámoslle a palabra".
Manifesto da cultura en apoio ao Metal
Camilo Nogueira, antes de ler o manifesto (que podedes ler á integra ao final da nova), subliñou que todas as persoas que asinaron o manifesto "compartillamos a vosa rexa e pacífica demostración da forza da clase obreira de Vigo, e que con independencia de que defendedes xustamente as vosas condicións de traballo, e os vosos salarios, sodes unha demostración que vos honra, incluso honra á cidade de Vigo, esta loita dos traballadores contra a rapiña capitalista".
O historiador Dionisio Pereira posteriormente deu lectura aos nomes e apoios de colectivos recabados ao longo de tres dias, e que xa son máis de 300 sinaturas tanto a nivel galego como internacional, e engadiu que "moita xente ten os ollos postos em vós, que todas as conquistas dos movementos populares sempre costaron moito traballo, e por iso hai que defendelas com unllas e dentes, polo que estamos incondicionalmente com vós para o que queirades".
Para rematar o poeta Anxo Angueira deu lectura a un poema escrito sobre a loita dos traballadores do Metal.
Malvido agradeceu este acto de apoio e indicou que "como vedes nesta loita non estamos sós e fainos falta esta solidariedade".
Asemblea final
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, comezou a súa intervención na asemblea na Praza do Concello sinalando que "iniciamos o noso camiño un dia aí atras, cando decidimos que non iamos agachar a cabeza e iamos exporlle a esta patronal do Metal en toda Pontevedra que unha vez máis estabamos dispostos a plantarlle cara. Eles sabíano e continúan a sabelo, porque saben que non hai marcha atrás. Porque a pesar de todas as incidencias, problemas e preocupacións que estades vivindo todos os dias, saben que sodes capaces de resistir e iso preocúpalles".
Alcántara criticou á patronal "porque a súa loucura, a súa ambición e o seu despropósito os está a levar a unha situación perigosa, porque están ao límite. Pois que se unifiquen e que se poñan de acordo. E teñen que facelo, porque a responsabilidade do acordo lles corresponde a eles, porque o que nós pedimos é todo aquilo que xa saben, o que coñecen, o que é posíbel, o que vos corresponde, nin máis nin menos".
Alcántara tamén lembrou a responsabilidade das auxiliares do naval e dos estaleiros neste conflito, xa que "a eles lles corresponde solucionar boa parte do problema como o resto da patronal".
Novas convocatorias de folgas
O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG adiantou que "se nas próximas horas non hai acordo, que saiban que aqui imos dar un salto, empezámolo todos e imos continuar todos. O salto ten que ser ou novamente a folga do sector xa ou comezar cunha folga xeral. Ese reto trasladámosllo a eles, e eles terán a responsabilidade vital de ter que asumir todas as consecuencias que se produzan por esta decisión".
Antolín Alcántara sinalou que "mañá faremos como hoxe, porque aínda que foi complexa a organización desta semana, incidimos naquelas puntos que queriamos incidir, e precisamos volver reagruparnos e estar xuntos de novo, que se nos volva ver. Aqui xa non hai máis tempo, ou hai acordo ou haberá un salto cara adiante".
Galería gráfica da xornada
Podedes visualizar máis imaxes desta xornada na galería gráfica da sección multimedia da nosa web ou nesta ligazón.
Manifesto de apoio ao Metal
A historia estase a escribir nas rúas de Vigo
Os/as abaixo asinantes consideramos un imperativo ético e social dar todo o apoio solidario á loita dos metalúrxicos de Pontevedra que, xunto cos traballadores e traballadoras doutras empresas radicadas en distintas zonas da Galiza, hoxe simbolizan no noso país a mobilizacion social e obreira contra unha resolución da crise capitalista favorable en exclusiva aos mesmos que a provocaron. A xente do Metal, polos seus métodos democráticos, asemblearios e combativos, sen se dobregar diante dunha Patronal que nos derradeiros anos aproveitou a bonanza económica nun contexto de contínua reducción da capacidade adquisitiva e recorte dos dereitos sociolaborais do persoal asalariado, ven sendo un exemplo para o conxunto da clase traballadora galega, en paralelo ás mobilizacions que están a acontecer en Grecia, Portugal ou na Franza.
Eiquí, non son eles os unicos que enfrontan as consecuencias dunha crise xerada pola destructiva capacidade do sistema para acumular riqueza nas mans duns poucos: as traballadoras do textil, con Caramelo à fronte, os das empresas do leite como Pascual, o persoal das fabricas como Bunge, Galfrío ou Vidriera del Atlántico, todos eles están a demostrar que só coa confrontación de clases e a defensa das liberdades públicas, pódese impedir a degradación das condicións de vida e de traballo do conxunto da poboación, fronte ao egoismo da patronal e a dureza dos gobernos que a sustentan.
Hai anos tentaron facer invisible á clase obreira, como se baixo o "capitalismo popular" dos Reagan e as Thatcher, quer dicer, a súa faciana neoliberal, todo o mundo poidera viver sen o salario, das rendas e dos investimentos financeiros. Agora que a xente de traballo, fonte de toda riqueza, está masivamente na rúa para defender os dereitos da humanidade desposuída, a maioría dos medios de comunicación manipulan a realidade presentando as manifestacións obreiras como actos criminais, salvando a cara da Patronal e das autoridades que a cotío exercen unha xorda violencia contra as condicións laborais e sociais do conxunto dos traballadores e traballadoras, sexan asalariados ou autónomos.
En realidade, o convenio do Metal de Pontevedra pasou a ser a fronteira que a Patronal española fixou para a totalidade dos sectores da producción: conxelación salarial, xornada laboral delongada, impago de horas extras, liberdade de contratación de inmigrantes para explotalos sen medida, precarización do emprego, submisión e illamento dos sindicatos, ameazas de deslocalización ou de peche ....E para os seus colegas do Goberno, pasou a ser cuestión de Estado, penalizando as protestas e a rebeldía, conculcando se fose preciso a liberdade de reunión e manifestación, a carón do dereito á información veraz e obxectiva. En consecuencia, na loita do Metal xogámonos moito máis que unha simple suba de xornais para un segmento da poboación empregada; está en xogo, ademáis do futuro do resto dos convenios e da calidade do emprego, o dereito a rexeitar o papel subsidiario que outros teñen decidido para as nosas vidas.
A crise do capital colocou a cada quén no seu sitio e os que pensaban que chegara "o fin da historia", non teñen outra que aprender a cantiga que dí: "detrás dos tempos veñen tempos, e outros tempos han de vir". Así pois, hoxe, a historia está a se escribir nas rúas de Vigo.
A súa vitoria é a vitoria de todos e de todas, e a unidade entre as forzas obreiras e sociais abre as portas a unha resposta contundente do conxunto da sociedade ao que é o fundo: a crise é do capital, dos capitalistas, e polo tanto son eles os que teñen que pagala, ao tempo que os dereitos e liberdades civís deben ser garantidos.