Os delegados sindicais da central nacionalista explican que optan por retirarse da negociación tras máis dun ano de conversas porque consideran que as pretensións da dirección da compañía son “inaceptábeis”. En concreto, critican que a última proposta presentada polos responsábeis de recursos humanos supón “un retroceso nos acordos que xa tiñamos pactados en maio, como a xornada anual ou os descansos”.
Outros dos puntos de fricción é a duración do propio convenio, tal e como indica o delegado da CIG Miguel Cabreira. “Pretenden aumentar a súa vixencia até o 2013, cando xa estaba apalabrado que se prolongaría até finais deste ano”. Neste senso, o representante sindical considera que a compañía está tratando de adiar o acordo para forzar unha negociación favorábel aos seus intereses e fai fincapé no feito de que as centrais españolas CCOO e UGT decidiron continuar as negociacións en solitario.
Diante disto, os delegados da central nacionalista decidiron abandonar a mesa de negociación e iniciar unha serie de actos reivindicativos para denunciar a situación de bloqueo. As mobilizacións comezarán este mesmo luns día 21 de xuño e consistirán en concentracións ás portas da empresa no polígono industrial de Valadares durante os cambios de quenda (entre as 13.30 e as 14.30 horas).