Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 18/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público suspende ao Conselleiro de Educación

Aconsella ao seu titor, Alberte Núñez Feijoo, que o retire do sistema educativo pola súa incompetencia e desprezo do ensino público
Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entregaron hoxe o “boletín” coas cualificacións de avaliación final ao Conselleiro de Educación. As notas recollen que Jesús Vázquez Abad amosou un profundo e permanente desinterese ao longo de todo o curso escolar. A Plataforma aconsella ao seu titor, Alberte Núñez Feijoo, que o retire do sistema educativo por ser refractario a todo o que debe significar un sistema público e galego. 

Despois da entrega no Rexistro Xeral da Xunta, Xoán Costa, en representación da Plataforma, explicou que con este acto simbólico “queremos facerlle chegar ao propio conselleiro e á opinión pública o absoluto fracaso da súa política educativa”.  Costa pediulle que se retire dada a súa “contrastada ineficacia” e que desista da súa intención de aplicar o RD Lei 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.

En resposta ás preguntas dos xornalistas, Anxo Louzao, outro dos membros da Plataforma, preveu un  inicio de curso conflitivo e denunciou o escurantismo co que está actuando a Consellaría de Educación que sen negociar, como é preceptivo nas Xuntas de Persoal, “ten a intención firme” de eliminar moitas unidades e centros educativos, promover agrupamentos e reducir os cadros de persoal de Secundaria -nalgún caso nun 10%- o que se traducirá nunha drástica redución de  profesorado. Louzao dixo que poderían desaparecer máis de 200 unidades, que o profesorado terá que impartir materias afíns -das que non é especialista- e que se van superar as rateos “xa que a administración non está disposta a facer desdobres nos casos nos que se supere en 2 ou 3 o límite de alumnas/os agrupadas/os.

O boletín de cualificacións recolle que o alumno ten que mudar a súa actitude, de xeito que os criterios que primen, á hora de ordenar o ensino público, sexan pedagóxicos e non económicos. “O ensino é un dereito e, polo tanto, non pode estar suxeito a criterios economicistas, como os aplicados pola Consellaría de Educación coa finalidade fundamental de reducir profesorado”, lémbralle o “equipo docente” ao Conselleiro.

Nas observacións lémbrase tamén que como servizo público esencial, a Administración ten o deber de garantir o ensino dentro dunhas condicións de igualdade de acceso que, a día de hoxe, non están aseguradas, polas medidas adoptadas. Entre esas medidas están as de manter no curso 2011-2012 unha rateo excesiva, por agrupar alumnado de diferentes niveis, cursos e ciclos, non cubrir as baixas de profesorado durante os quince primeiros días, incrementar o horario lectivo do profesorado en Primaria e Secundaria, reducindo o tempo dedicado a outra funcións necesarias e retrasar a implantación de ciclos ata o ano 2015.

Na avaliación do conselleiro tamén se tivo en conta que non deu garantías de manter dúas modalidades de Bacharelato en cada centro, de que non se van incrementar as taxas universitarias, que non adoptou ningún tipo de medida para facer fronte ao fracaso escolar, para ofrecer uns servizos complementarios, a gratuidade dos libros de texto e desatender as actividades extraescolares, a presenza do galego nas aulas e, en definitiva, reducir os investimentos no ensino  público.

Por todo isto, a Plataforma Galega en Defensa Ensino Público conclúe que “Jesús Vázquez debe abandonar o seu posto pola súa manifesta incompetencia e desprezo ao ensino público e reivindica a non aplicación do RD 14/2012, porque supón un grave deterioro do ensino público, que é o único garante dunha educación que aspire a eliminar as desigualdades que persisten na sociedade”.

Documentos
BOLETIN DE NOTAS CONSELLEIRO.pdf
cig.prensa@galizacig.com