Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 18/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A práctica totalidade do cadro de persoal secunda a primeira xornada de folga parcial en Industrias Caamaño

Os traballadores concentráronse as portas da empresa para esixir o cobro dos atrasos salariais e reclamar información sobre o futuro da compañía
A práctica totalidade do cadro de persoal de Industrias Caamaño secundou este luns a primeira das cinco xornadas de folga parcial convocadas para reclamar do propietario o pago dos atrasos salariais e o cumprimento da normativa en materia de seguridade laboral. Durante as dúas horas que durou o paro (de 08:00 e as 10:00 horas), os traballadores concentráronse diante das instalacións da empresa en Culleredo.

Os delegados da CIG destacaron o éxito de participación da primeira xornada de paros convocada para esta semana, xa que practicamente a totalidade do cadro de persoal (unhas 30 persoas) secundou a folga.

Neste senso, quixeron denunciar novamente a prepotencia e o absoluto desinterese do empresario, pois a pesar do calendario de mobilizacións continúa sen atender as demandas do persoal nin se avén a manter unha xuntanza coa representación legal para explicar a situación económica da empresa e as intencións que ten de cara ao futuro.

Diante desta actitude inmobilista e antidialogante, os traballadores subliñaron continuarán adiante coa folga e coas mobilizacións, e mañá, martes, volveranse concentrar diante da empresa (no horario no que está convocado o paro) para visibilizar o conflito.

Débedas salariais cos traballadores

Cómpre lembrar que Industrias Caamaño adebeda aos traballadores/as as nóminas de abril e maio, a paga extraordinaria de nadal e os atrasos salariais dos anos 2010 e 2011. En total, uns 4.000 euros por operario. Ademais, denuncian os delegados de persoal da CIG, ao longo do último ano o atraso nos pagos das nóminas xa se converteron nunha práctica habitual na empresa, que mesmo chega a facer ingresos fraccionados dos salarios.

Sobre este punto, hai que subliñar que o propietario de Industrias Caamaño segue sen acatar as sentenzas xudiciais firmes que o obrigan a pagar as contías económicas adebedadas.

Coa folga, os traballadores tamén queren denunciar o incumprimento das medidas de seguridade e saúde laboral en moitos postos e vehículos de traballo. De feito, explican, hai dous anos que a empresa non entrega aos operarios os Equipos de Protección Básicos necesarios para poder traballar.

cig.prensa@galizacig.com