Coa protesta, quérese denunciar publicamente o perigo que corre a viabilidade das instalacións de Arteixo, pois a empresa continúa sen facilitar materia prima para poder atender os pedidos dos clientes, o que está a provocar un incremento das perdas. Aproximadamente, segundo os cálculos do Comité, a empresa leva perdidas unhas 7.000 toneladas de pedidos no que vai de ano, a causa, precisamente, de non poder servir os traballos. Ademais, traballos xa confirmados foron anulados polo mesmo motivo.
Para o Comité, a problemática á que se enfrontan a factoría de Arteixo é artificial e responde á decisión do dono da empresa, que pretende desviar a carga de traballo de Emesa Trefilería á outra factoría que posúe no norte de Portugal. “Antonio Simoes claramente está potenciando a súa empresa, Socitrel, co obxectivo de cerrar Emesa e trasladar o seu mercado ao país luso”, advirten.
A este respecto, o Comité denunciou o desinterese da Xunta de Galiza pola situación da empresa e o futuro dos empregos, xa que a Consellaría de Industria aínda non contestou á solicitude de reunión remitida a primeiros de maio.
Sen noticias concretas
Tras da reunión co propietario, ao longo dos meses de abril e maio o Comité mantivo tamén xuntanzas co xerente da empresa, Faustino Menéndez Portela. Ante as solicitudes da representación do persoal para que aclarase a situación económica e produtiva de Emesa Trefilería, este manifestou en reiteradas ocasións que non podía achegar máis documentación.
Ante esta indefensión, a representación dos traballadores/as veuse na obriga de denunciar á empresa diante da Inspección de Traballo polo negativa da mesma a entregar –tal e como estabelece a lexislación vixente- toda a documentación relativa aos balances e contas de resultados do ano 2011, previsións de futuro en canto aos postos de traballo, etc.