O secretario comarcal da Federación de Servizos da CIG, Roberto Alonso, subliñou que a CIG preguntou no concello sobre a situación das traballadoras, que non recibiron o seu salario correspondente aos meses de xuño e xullo. "A empresaria di que o concello non paga", explicou, mais a corporación local negou aos representantes do sindicato este extremo e asegurou que se debe ao embargo da empresa, para a que traballan nove persoas.
Sen cobrar, como hai dous anos
Así, Alonso, sinalou que ao menos seis das traballadoras -todas elas afiliadas ao sindicato- non cobraron os soldos dos dous últimos meses e en agosto adiantan que semella que vai acontecer o mesmo. Desde a central sindical nacionalista lembraron na rolda de prensa que xa aconteceu unha situación similar hai dous anos, cando a empresa estivo tres meses sen pagar ás traballadoras.
Que se revise o proceso de adxudicación
Nese sentido, Roberto Alonso reclamou que se revise o proceso de adxudicación que se ten que conceder de novo en setembro, xa que "sería unha tomadura de pelo que Limpezas Ames continúe co servizo e reciba diñeiro público malia a súa mala xestión".
"Non se poden dar casos de empresas que cobran do concello e logo non pagan as súas empregadas", engadiu Alonso, quen advertiu que se en agosto continúa co impago de salarios "comezaremos coas medidas de presión", entre as que está a convocatoria dunha posíbel folga que comezaría en setembro, pois a empresa leva a limpeza de colexios e garderías, que neste mes non teñen actividade.