Dende a CIG-Servizos valouse moi positivamente os resultados de participación na asemblea de Vigo , á que asistiron máis de 200 persoas e na que se deu conta do punto no que se encontra a negociación deste convenio colectivo provincial, que afecta a máis de 15.000 traballadores/as. O vindeiro luns 21 de setembro, desenvolverase unha xuntanza de persoal, pero neste caso en Pontevedra.
A vindeira semana tamén terá lugar unha nova reunión da mesa de negociación e posteriormente convocarase outra asemblea de traballadores/as na que xa se valorará a posibilidade de levar a cabo mobilizacións no sector.
A decisión de organizar esta primeira xuntanza conxunta despois das seis reunións mantidas coa patronal do Comercio de Alimentación nas que esta se mantivo nunhas posicións “inmovíbeis”.
Propostas para "chegar a mileuristas"
A proposta sindical recolle as seguintes demandas: "unha suba de 60 euros lineais ao mes con outros complementos como que se inclúan cláusulas que regulen a contratación, formación e melloras nas licenzas, e que a vixencia para este convenio sexa de dous anos".
Pola súa banda, a patronal limítase a ofrecer, entre outras cousas, un incremento salarial para o ano 2009 do 1%; vixencia de 4 anos; conxelación de antigüidade; eliminación das baixas ao 100%; e eliminación da compensación e absorción.
Dende as organizacións sindicais reitérase que tan só se pide “chegar a sermos mileuristas”, xa que, neste momento o salario medio dunha traballadora ou traballador deste sector son 840 euros.