Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 18/9/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG reparte follas informativas coa postura sobre a necesidade do comezo das negociacións no Convenio do Metal de Pontevedra

Analízanse outras cuestións como a represión ou a contratación
A CIG vén de editar unha folla informativa para difundir entre os traballadores e traballadoras do sector do Metal afectados pola negociación do convenio provincial de Pontevedra deste sector, no que se reclama que se poñan en marcha de novo as negociacións, e desde a CIG as posicións para o acordo teñen que ser as mesmas polas que se mobilizou o Sector: regulación de xornada, salario e contratación. Outras cuestións como a represión ou o contexto no que se dá esta loita, asi como a postura Patronal tamén se analizan nesta folla, que podedes ler íntegramente a continuación.

A todos os traballadores e traballadoras do Metal

Na segunda quincena deste mes de setembro deben reiniciarse as negociacións do Convenio do Metal e desde a CIG as posicións para o Acordo teñen que ser as mesmas polas que se mobilizou o sector: a regulación de xornada, o salario e a contratación.

A loita que estamos a vivir no Sector en defensa do Convenio pode explicarse hoxe máis nitidamente xa que neste mes de  setembro comprobamos a estratexia dos empresarios de querer aproveitarse da crise para reducir salarios e condicións de traballo. A imensa maioría dos convenios están paralizados sen acordo e as propostas da Patronal non supera o 1% de incremento, e nas esixencias de reforma diante do Goberno están esixindo flexibilade na xornadas e nas condicións de traballo e abaratar o despedimento. Queren expropiarnos máis dereitos.

Por esta razón a nosa loita é única porque estamos defendendo como ninguén a nosa dignidade e a xustiza no mundo do traballo. Por primeira vez na Historia as rendas do Capital son superiores ás rendas do traballo. O 20% da poboación rica de Galiza (empresarios, banqueiros, executivos, etc) acumula máis riqueza que o 80% restante, que somos a clase traballadora. Eles queren enriquecerse máis a costa dos nosos salarios, por iso a nosa loita significa unha ruptura nesta tendencia, e non queren permitilo.

Hai tres anos aprobaron na Unión Europea unha Directiva chamada Bolkestein, que promove a mobilidade de traballadore dentro de Europa, podendo traballar noutro país co salario do seu país de orixe. Por suposto sempre virán os traballadores dos países con salarios máis baixos provocando unha competencia desleal da que o capital quere aproveitarse. No noso convenio aprobamos hai tres anos logo da folga que o noso salario é mínimo e non poden pagar menos, pero na actualidade xa están violando esta norma falsificando as nóminas dos traballadores que traen de fora, para que legalmente pareza que cumpren a Lei. No naval a estes traballadores que traen en grupo páganlles 1000 euros ao mes por 11 horas ao día, vacacións incluídas. Esta situación estenderase a todo o Sector se non a paramos, por iso a regulación da contratación é vital para defender o noso emprego.

Lembra que durante a negociación os Empresarios estaban dispostos a chegar a un 5% de incremento no salario se aceptábamos permitir as ETT's, crear unha bolsa de flexibilidade na xornada e modificar o pago da indemnización dos eventuais que cobran todos os meses, porque estas regulacións só as temos nós no noso Convenio. Por tanto non é un problema de salarios. Debemos ter claro isto. E lembra que cando iniciamos a Folga a proposta de incremento era do 0%, e logo durante a folga a través dos mediadores chegaron a unha oferta do 2,5%.

Neste tempo a Policía identificou a máis de trescentos traballadores e traballadoras sen motivo algún para abrir posteriormente expedientes sancionadores que nalgúns casos chegan aos 1.000 euros. Esta foi unha decisión política para castigar aos traballadores e intimidalos para que non participaran nas mobilizacións. Unha decisión de acoso á clase traballadora, sen  precedentes na historia. Se non retiran estas sancións teremos que evitar que os traballadores teñan que pagalas individualmente co seu salario. Non podemos permitilo. Chegado este momento os sindicatos deberemos facer unha campaña de solidariedade e crear un fondo e facer fronte a estas e outras sancións.

Tamén temos que lembrarlle a Patronal que teremos a suficiente paciencia para gobernar esta negociación sen renunciar aos nosos obxectivos e sen entregar ningún dereito do convenio, e se en Xaneiro non está asinado este convenio coincidiremos coa negociación dos catro Convenios provinciais do Metal en Galiza.

Teñamos en conta que o Convenio ten efectos retroactivos a 1º de xaneiro deste ano polo que non se perden os dereitos a cobrar os atrasos desde esta data. Aqueles traballadores e traballadoras que remataran o contrato nestes meses, aínda que non estean xa na empresa, tamén teñen dereito a cobrar os atrasos.

Manteremos a información a través das nosas follas e das asembleas nos centros de traballo.

 

 

cig.prensa@galizacig.com