Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 19/1/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Dúas traballadoras mostran a folla informativa que repartiron en Boqueixón para dar a coñecer a súa grave situación laboral.

As traballadoras de Confecciones Lema inician unha campaña para reclamar o cobro dos salarios e indemnizacións

As donas de empresa comunicáronlles que ían solicitar un ERE, pero que non se facían cargo dos custos
As traballadoras de Confecciones Lema iniciaron unha compaña para denunciar publicamente a súa situación laboral, logo de que a empresa pechase as portas sen facerse cargo dos salarios nin das indemnizacións correspondentes. As traballadoras estiveron repartindo panfletos nos que expoñen a súa situación o domingo 18 de xaneiro na feira de Lestedo (Boqueixón).
As traballadoras de Confecciones Lema estiveron repartindo folletos informativos sobre a súa situación laboral entre as persoas que acudiron á feira de Lestedo.

As traballadoras de Confecciones Lema contaron co apio dos compañeiros da Federación de Servizos da CIG de Compostela, así como dun grupo de afiliados/as para repartir os folletos entre as persoas que asistiron á feira de Lestedo, nos que se da conta da súa actual situación laboral. Escolleron este lugar por tratarse dunha zona céntrica de dous concellos e con gran afluencia de veciños, xa que a empresa estaba inicialmente en San Miguel de Sarandón (Vedra) e posteriormente foi trasladada a Lestedo (Boqueixón).

Este grupo de traballadoras levaban 20 anos desenvolvendo a súa actividade para esta empresa dedicada á confección de roupa. Non obstante, no pasado mes de maio a propietaria, Pilar Lema, regalou literalmente a empresa a outras dúas empresarias .

No mes de decembro, en concreto o día 19, as novas propietarias comunicáronlle as traballadoras que non había máis carga de traballo, polo que ían solicitar un ERE e non podía facerse cargo nin dos salarios nin das indemnizacións que lles corresponden.

Dende a Federación de Servizos da CIG sinalan que as traballadoras teñen claro que este “regalo” foi unha trampa levada a cabo por Pilar Lema  para desfacerse do persoal "de balde".

A CIG gaña as eleccións sindicais 

A historia do cambio de propietarias comezou o ano pasado cando estas traballadoras, nas eleccións sindicais optaron pola CIG, cansas de cobrar a metade do que se reflectía na súa nómina (450 euros) e na procura de consensuar un calendario laboral. A empresaria, ante esta nova situación, optou por “regalar” a empresa, pero non o patrimonio da mesma.

As traballadoras foron entón trasladadas ao concello veciño de Boqueixón ás novas instalacións. “Desta maneira, Pilar Lema non perdeu absolutamente nada”, indican dende a CIG-Servizos.

Na feira de Lestedo do domingo 18 de xaneiro, estiveron repartindo panfletos tanto nos coches como entre os veciños. Tamén pegaron cartaces por diferentes zonas do Concello así como nos locais e nos postos instalados na feira.

Este é o inicio dunha campaña feita por estas traballadoras para reclamar os seus dereitos laborais e que terá continuidade nos vindeiros días.

cig.prensa@galizacig.com