CIG-Servizos e CCOO, en cumprimento do acordado en asemblea de traballadores, remitiron aos empresarios e a UGT unha plataforma de convenio de xeriátricos que contén algunhas modificacións con respecto ao texto inicial presentado en abril de 2009 polo conxunto da parte social. Cristina Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, sinalou que, malia as mobilizacións no sector, aínda continúan á espera de que se produzan achegamentos por parte da patronal e que se agarda ter algunha resposta para a vindeira semana.
Mudanzas na xornada e estrutura retributiva
A asemblea de traballadores celebrada trala mobilización na Coruña do pasado 17 de decembro acordou reformar a plataforma inicial unitaria, consensuada daquela entre UGT, CIG-Servizos e CCOO, e retocar só os artigos relativos á xornada e á estrutura retributiva:
- En xornada, pasar dunha media de 70/75 días libres ao ano a 121 (garantindo a libranza de 2 días/semana) coa idea de non superar as 1.750 h/ano.
- No tocante á estrutura retributiva e coa idea de que os salarios máis baixos se vaian achegando aos mil euros, solicitar un incremento do 5% e deixar para a seguinte negociación os pluses de quendas e penosidade.