Segundo unha información publicada este xoves, a Xunta de Galiza estaría a barallar novas medidas que implicarían aplicar novos recortes laborais aos empregados e empregadas públicas. Estes recortes afectarían aos días de libre disposición, ao complemento por IT (Incapacidade Temporal) e xornada laboral que pasaría a ser de 37,5 horas.
Fronte a isto, as federacións da área pública da CIG afirman que no referido á xornada laboral, en Galiza todas as empregadas e empregados públicos traballan xa 37,5 horas semanais, que é o que esteblece a normativa da Función Pública galega e o Convenio do persoal laboral.
Neste sentido, matizan que só o persoal laboral que traballa a quendas, con noites e festivos, ou que teña un contrato fixado por horas, coa redución proporcional do soldo, traballa menos horas, do mesmo xeito que o fai o persoal funcionario e laboral que ten unha redución de xornada por conciliación familiar, ao que tamén se lle aplica unha redución proporcional do soldo. “Hai outras administracións que si teñen un horario menor, en Galiza non se dá o caso”.
Polo que se refire ao recorte dos días de libre disposición, que segundo a información citada se reducirían de 9 a 6, a secretaria nacional de CIG-Administración, María carme López Santamariña, explica que esa medida afectaría ao persoal de Sanidade e da Administración de Corpos xerais, pero non a Ensino nin a Xustiza, onde teñen a súa propia regulamentación.
Alén diso, aseguran que non produciría ningún aforro económico, xa que este goberno leva anos sen chamar a persoal interino para cubrir estas ausencias, o que está a producir un grave deterioro dos servizos públicos.
Tamén se di que o goberno baralla unha posíbel rebaixa salarial para as baixas por enfermidade, que agora se complementan até o 100%. Proposta que as federacións da área pública da CIG consideran inadmisíbel.
CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde lembran que os empregados e empregadas públicas non son os responsábeis da crise, non viviron nunca por riba das súas posibilidades e que todo o que cobran aparece reflectido nas súas nóminas, nunha ampla porcentaxe mileuristas.
Alén diso, desmenten que se mantiveran contactos coas organizacións sindicais para expor estas medidas, tal e como afirma o xornal. Aseguran que a CIG non tivo comunicación de ningún tipo, nin se fixo referencia a posíbeis recortes en ningunha mesa de negociación.
Alertan de que con este tipo de informacións, que pretenden presentar ao persoal ao servizo da administración como uns privilexiados non só se está atancando á súa dignidade como traballadoras e traballadores, senón tamén, de forma encuberta, aos propios servizos públicos, que teñen como obxectivo desmantelar.