Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 19/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

En Colombia continúa o asasinato de dirixentes e activistas sindicais

Varios miles tiveron que abandonar o país polas ameazas de morte recibidas
O 60% dos asasinatos de sindicalistas que se producen no mundo teñen lugar en Colombia, país no que se contabilizan máis de 2.600 activistas sindicais asasinados nos últimos 28 anos. A maiores, varios miles tiveron que abandonar Colombia por causa das ameazas de morte recibidas. No ano 2010 rexistráronse 51 asasinatos e un número lixeiramente menor no ano que ven de acabar.

Sendo certo que desde que J.M. Santos sucedeu a Uribe na presidencia de Colombia hai unha diminución no número total de actos de violencia (asasinatos, secuestros, detencións arbitrarias, ameazas de morte...) cometidos contra activista sociais, periodistas, cargos institucionais, tamén é certo que esta violencia segue a ser parte do día a dia  nese país. E nalgúns casos (alcaldes e concelleiros municipais) o número de asasinatos incrementouse no 2011. De igual modo, a impunidade na quedan a inmensa maioría das actividades de violencia contra activistas sociais non parece que estea diminuíndo.

Infelizmente, o 2012 xa se tinguiu de vermello. O pasado martes día 17, balas mercenarias e asasinas acabaron coa vida de Mauricio Redondo e da súa esposa Janeth Ordóñez. M. Redondo traballaba nunha empresa do sector petroleiro e a maiores da actividade sindical na USO – Unión Sindical Obrera del Petróleo - tiña unha significada presenza social na cidade de Orito, provincia colombiana do Putumayo fronteiriza co Ecuador, onde vivía e traballaba.

Catro días antes do seu asasinato participou moi activamente no “I Foro Petroleiro polo Dereito ao Traballo e á Reivindicación Económica e Social de Orito-Putumayo” que se realizou o 13 de xaneiro nesa cidade.

O asasinato de M. Redondo enmárcase tamén no combate despiadado que a patronal, os paramilitares e gran parte do aparato político oficialista contra a USO, sindicato afiliado na CUT que organiza aos traballadores do sector petroleiro colombiano.

Sen ser exhaustivos, citamos algúns dos actos de fustigamento máis destacados das últimas semanas:

-          Despido de Rodolfo Vecino, presidente de USO. Unha forte campaña internacional – na que a CIG tamén participou - e nacional conseguiu que fose readmitido hai escasamente 10 días.

-          Apertura, por parte da empresa, de procesos disciplinarios contra os dirixentes Orlando Cubillos e José  Erazo.

-          Ameazas de morte mediante mensaxes SMS a  M. Coronado, José Erazo e Julio  Vargas, dirixentes de USO en Orito (Putumayo)

-          Ameazas de morte a traballadores sindicalizados na zona de Nororiente Batería Mansoya

-          Chamadas telefónicas á sede central da USO con ameazas de voar o edificio e asasinar á dirección.

A CIG enviou á USO e á CUT, central sindical na que a USO está integrada, a seguinte mensaxe:

 

Compañeiro Tarsicio Mora, Presidente da CUT de Colombia

Compañeiro Domingo Tovar, Secretario Xeral da CUT de Colombia

Compañeiro Rodolfo Vecino, Presidente da USO

 

Estimados compañeiros:

 

A nome dos organismos de dirección da CIG – Confederación Intersindical Galega transmítovos o noso pesar polo asasinato do compañeiro Mauricio A. Redondo e da súa esposa Janeth Ordóñez.

Condenamos de xeito  absoluto este novo crime cometido contra a Clase Traballadora e así llo manifestaremos ao Goberno Colombiano a través da súa embaixada en Madrid

Denunciamos a actitude pouco dilixente do goberno de Colombia na hora de impulsar a investigación dos reiterados asasinatos de activistas sociais, actitude que se traduce nun altísimo nivel de impunidade que alenta e favorece máis asasinatos.

Saudamos á USO - Unión Sindical Obrera e facémoslle chegar o noso abrazo solidario ante este novo golpe que o Capital - utilizando sicarios e organizacións paramilitares - asesta á loita obreira no sector ol petróleo e á súa organización sindical sectorial representativa. Unímonos á dor dos seus familiares e, moi especialmente, á dos seus cinco fillos, orfos polas balas criminais.

Estimados compañeiros, saiban una vez más que contan - como sempre – co noso apoio fraterno e solidario.

 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2011

Xesús SEIXO FERNÁNDEZ, CIG – Secretario Xeral

Xesús Ramón GONZÁLEZ BOÁN, CIG - Dep. Internacional

cig.prensa@galizacig.com