Cando a CIG fixo públicas as valoracións do Anteproxecto de Lei orgánica de igualdade entre mulleres e homes, considerou a proposta inicial de 8 días como unha mera ampliación do permiso por nacemento de fillo/a máis que como unha verdadeira medida de fomento da corresponsabilidade do pai. Xa no 2007 apostábase por unha duración de catro semanas, que finalmente foi abandonada polos sindicatos máis representativos españois, ficando a duración do permiso en 13 días.
“Valoramos, pois, de xeito positivo a iniciativa de que os pais dispoñan dun mes de permiso, xa que consideramos que esta duración supón un paso cara a incorporación dos homes no coidado e atención das fillas e dos fillos desde o nacemento” sinálase dende a Secretaría da Muller da CIG. Non obstante, advírtese da necesidade de facer unha aposta segura e decidida por outro tipo de reivindicacións que fican pendentes, como é a necesidade de aumentar a duración da suspensión do contrato por maternidade, aínda que inicialmente a central propuxo o seu aumento até as 20 semanas, tendo en conta as recomendacións da OMS, sería preciso facelo extensivo até os 6 meses, tempo no que recomendan a lactación materna exclusiva.
Así mesmo habería que mudar o control da discrecionalidade empresarial á hora de estabelecer a duración do permiso de lactación ou a distribución da xornada por motivos familiares, por poñer tres casos de medidas que, pese a ficar nos programas electorais de quen forma e de quen pretende formar parte do goberno español, seguen a permanecer ocultos na súa axenda.
“As mulleres, unha vez máis ficaremos á espera de poder gozar do noso dereito á maternidade sen atrancos. Mentres, tentaremos corrixir estas deficiencias a través da negociación colectiva”, apúntase dende a Secretaría da Muller.