O luns 19 de outubro comezaron desde as nove da mañá as habituais marchas dos traballadores do Metal desde Teis, Beiramar, Avenida de Madrid e o Camiño do Caramuxo. Os traballadores/as do Naval confluiron co resto do sector en folga que se desprazou desde outros pontos da comarca na Praza do Rei.
Manifestación até o Xulgado
Asi, desde esta praza do Concello comezou unha manifestación pasadas as dez e media da mañá, que baixou pola Avenida das Camelias, e que chegou até as portas do Xulgado, na rúa Coruña, onde tiña lugar o proceso xudicial contra estes trece compañeiros, desde as 10 da mañá na Sala do Penal nº2. Nesta manifestación participaron máis de 2.000 traballadores/as do sector.
Apoio da CIG
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, tamén participou desta convocatoria para "apoiar aos traballadores do Metal que van ser xulgados e para por unha vez máis de manifesto a disposición da CIG a defender a calquera traballador que sexa vítima da represión policial ou xudicial como consecuencia da sua loita pola defensa das súas condicións de traballo".
"Parécenos realmente escandaloso que despois do que pasou, da brutal carga policial da que foron vítimas no seu momento as traballadoras e traballadores do Metal, pois que agora estean a ser xulgados, coa petición de penas que hai enriba da mesa, e é escandaloso que os traballadores que foron vítimas desa represión sexan agora os xulgados", engadiu Seixo.
O secretario xeral da CIG denunciou tamén a actitude represiva habitual nas folgas do Metal por parte das forzas de Seguridade do Estado, "como consecuencia da visión de vello gobernador civil do franquismo que ten o actual subdelegado do Goberno, que actúa con métodos represivos de épocas pasadas, e porque é unha maneira tamén por parte do poder de demostrar que non están dispostos a tolerar ningún tipo de oposición por parte de ninguén que cuestione as directrices tanto do poder político como económico".
Folga xeralizada
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, pouco despois de chegar a mobilización ás portas do Xulgado declaraba diante dos medios de comunicación que "o paro está a ser xeneralizado na cidade de Vigo e todo o que é a súa área de influencia. A xente respondeu como nós agardabamos. Queriamos que no dia de hoxe houbera unha concentración de traballadores do sector apoiando aos compañeiros que ian ser xulgados, e que percibiran o calor do sector nestes momentos".
Declaracións dos acusadosNesta primeira xornada do xuízo só declararon os 13 acusados, que no caso dos 11 que son afiliados da CIG, só responderon ás preguntas da avogada da central sindical nacionalista. Estes compañeiros incidiron na súa inocencia, xa que participaron das mobilizacións, mais nada tiveron que ver cos distintos feitos que se lles imputan como desordes, atentados ou lesións, e mesmo fixeron fincapé en que foran detidos en sitios moi distantes da cidade, despois da brutal carga nesa xornada, cando comezaron os antidisturbios a realizar detencións indiscriminadas.
Esta primeira xornada do macroxuízo rematou algo antes das once e media da mañá, mais a concentración permaneceu ás portas do xulgado, xa que estaba prevista unha asemblea, tanto para analizar a convocatoria de folga desta xornada asi como informar da situación na que se encontra a actual negociación do convenio colectivo do Metal da provincia de Pontevedra.
Asemblea ás doce da mañá
Ás doce da mañá tiña lugar esta asemblea diante dos Xulgados na que falaron o secretario nacional da CIG-Metal, Miguel Malvido, e o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara.
Comezou Malvido salientando que "estamos aqui solidarizándonos con estes compañeiros, mais tamén é un dia para lembrar as loitas e mobilizacións que fixemos na defensa do noso convenio no ano 2006, e lembrar o que aconteceu ese dia 9 de maio, despois dunha asemblea na Praza do Concello, cando marchabamos pacificamente polas rúas de Vigo e chegamos á estación de trens, alí coas mans levantadas, comezaron a cargar. Fomos agredidos, quixeron amedrentarnos, e non o conseguiron, porque ao dia seguinte habia máis xente na rúa e viñemos até estes Xulgados para pedir a liberación dos nosos compañeiros. Por iso hoxe estamos aqui".
"Naquelas datas tamén estabamos reivindicando o noso convenio colectivo, tamén pelexabamos na rúa e exteriorizando nas rúas de Vigo e de Pontevedra unha situación laboral que outros sectores non poden manifestar como facemos nós. Nós poñemos rostro e cara á precariedade laboral, e e diso nós estamos moi orgullosos e hoxe por iso volvemos sair ás rúas de Vigo", acrecentou o secretario nacional da CIG-Metal.
"Este é un xuízo político"
Malvido fixo fincapé en que "este é un xuízo político no que estamos a ser xulgados todos nós, todos os que participabamos das mobilizacións do 2006, pero tamén as do 2007, onde conseguimos coa loita do naval que 3.000 contratos indefinidos se puxeran en regra".
Rematou a súa intervención manifestando que "este proceso xudicial vén cuestionar as nosas loitas e as nosas reivindicacións, as nosas mobilizacións. E queremos deixar moi clara unha mensaxe: mobilizarnos, manifestarnos, reivindicar nas rúas a nosa loita non é un delito porque os traballadores do metal non son delincuentes. Nós o que facemos é reivindicar as nosas conquistas e os nosos dereitos. Os 13 do Metal somos todos".
Antolín Alcántara insistiu en que "estes compañeiros non fixeron absolutamente nada, que a ninguén lle quede esa dúbida, porque nin sequera tiveron a posibilidade de defenderse".
Lembrou na súa intervención que "sempre ao longo da historia criminalizaron e prenderon aos traballadores por loitar polos seus dereitos. Se temos certas garantias a dia de hoxe é porque outros antes que nós pelexaron", e denunciou que "nos queren levar a un sistema moi parecido ao dos ianquis, onde hai moita riqueza mais só nas mans duns poucos, porque ali o despido é libre, as vacacións non están garantidas, as pensións son privadas, e non hai seguridade social pública".
Asi, "cando nós estamos nun conflito tan duro como o que vivimos estamos loitando tamén por unha sociedade xusta, e aínda que pareza que só loitamos por un convenio, estamos defendendo un modelo de sociedade concreto e un reparto da riqueza, de xustiza".
Alcántara criticou este proceso xudicial porque "quen tiña que estar nos Xulgados son os empresarios, que defraudan á Facenda Pública".
Analise da proposta dos mediadores
Sobre a actual negociación do convenio colectivo do Metal, informou de que "agora hai unha proposta que se parece moito á proposta que fixeron os mediadores en pleno conflito. Naquel momento a CIG xa dixo que aquela proposta non servía porque o incremento salarial non é aquel incremento polo que estivemos loitando, e ten un problema, porque no segundo e terceiro ano tal e como está redactado non se garante que haxa incremento salarial. Outra cousa que temos que denunciar aqui é que o que non pode darse nunha negociación é que o resto das partes se reúnan e que se deixe á CIG fora desa negociación, que se nos aparte como se non existiramos. E iso aconteceu o outro dia".
Necesidade de regular a contratación
Ademais, "esa proposta non acorda algo importante como é o tema da contratación, e se non se acorda o tema da contratación aqui o tema do emprego e o traballo para os que estiveron choiando e os que estades aqui sempre non está seguro, porque da maneira tal e como están contratando, mesmo agora contratando por teléfono e metendo a determinados traficantes de man de obra a facer negocio, traendo traballadores de fora a baixo prezo, 1.000 euros por once horas con vacacións incluídas. Para nós non hai acordo posíbel se non se regula a contratación no sector".
O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG rematou a súa intervención subliñando que "a posición da CIG continúa a ser que esta proposta asi tal e como esta non serve. Se temos diferenzas entre os sindicatos salvémolas, porque as fronteiras que podamos ter non deben ser irreconciliábeis, porque a responsabilidade que temos é unha responsabilidade moi grande. Se non mudamos esta situación condenamos ao sector a un futuro moi inseguro e non podemos facelo".
Galería gráfica con máis imaxes da xornada