Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 19/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Máis de 3.000 persoas percorren as rúas de Vigo convocadas pola CIG, CCOO e UGT para denunciar “o saqueo do pobo”

Pais, nais e estudantes sumáronse a unha protesta que rematou diante da Xunta con chamadas á folga xeral
Máis de 3.000 persoas convocadas polos tres sindicatos maioritarios percorreron este xoves as rúas de Vigo para denunciar o ataque contra a clase traballadora que supoñen as medidas impostas polo neoliberalismo aos gobernos a cambio do rescate á banca. A CIG, CCOO e UGT lembran que os recortes están a provocar un empeoramento da situación económica, destrución masiva de emprego, empobrecemento da maioría social e perda de dereitos laborais e democráticos.

A concentración convocada polas tres centrais na farola de Urzaiz para rexeitar o saqueo ao pobo que supoñen as medidas que están a aplicar os gobernos contra a crise converteuse nunha marcha que rematou na Praza da Estrela, a carón da delegación da Xunta, á que tamén se sumaron pais, nais e estudantes que reclamaban un ensino público de calidade.

A manifestación abríaa unha faixa co lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen” tras a que ían os tres secretarios xerais. Durante o percorrido até o edificio autonómico berráronse consignas como “Estes recortes ímolos parar”, “O público é servizo, o privado beneficio” ou “A culpa de quen é? dos que votan o PP”.

Unha vez na Praza da Estrela, o secretario comarcal da CIG de Vigo, fixo un chamamento a dar resposta na rúa ás agresións contra a maioría social e animou a traballar a prol da folga xeral convocada para o mes de novembro.

cig.prensa@galizacig.com